Chantada prepárase para a eclipse de agosto cun intenso programa de actividades arredor do astroturismo

RibeiraSacraXa
Haberá xornadas, obradoiros, actividades de observación e charlas sobre astronomía
chantada-destino-starlight
10 Apr 2026

O Concello de Chantada prepara unha programación especial para este 2026 co obxectivo de poñer en valor a súa condición de Municipio Starlight e promocionar o astroturismo no territorio, aproveitando a eclipse solar total do 12 de agosto que se poderá ver desde o municipio lucense.

Trátase dun evento pouco frecuente a escala peninsular, que non se repetirá ata o ano 2180. A provincia de Lugo será un dos enclaves privilexiados para a súa observación, ao atoparse dentro da franxa de totalidade da eclipse. No caso de Chantada, o fenómeno comezará a apreciarse ás 19:32:21 horas, alcanzará a súa fase de totalidade ás 20:29:26 horas e finalizará ás 21:22:51 horas.

O municipio destaca ademais polas súas condicións naturais para a observación do ceo, con espazos abertos e sen obstáculos visuais, especialmente axeitados para contemplar fenómenos astronómicos coincidindo co solpor. Estas características súmanse ao seu recoñecemento como destino Starlight, unha certificación obtida en marzo de 2025 e vinculada a enclaves como o Monte do Faro ou a zona de Amedo.

Neste contexto, o Concello deseñou unha serie de actividades previas á eclipse co fin de divulgar o fenómeno e reforzar o seu posicionamento como destino de astroturismo. Entre elas figura unha xornada divulgativa sobre a eclipse solar dirixida ao sector turístico e aos medios de comunicación locais, organizada en colaboración con Turismo de Galicia e prevista para o 28 de abril. Esta sesión incluirá charlas, mesas redondas e obradoiros prácticos sobre astronomía básica, observación segura e fotografía da eclipse.

A programación completarase con actividades de observación guiada do ceo nocturno, obradoiros de iniciación á astronomía dirixidos a profesionais do sector turístico, formación en astrofotografía e charlas divulgativas abertas ao público xeral.

Con este conxunto de iniciativas, Chantada busca aproveitar un acontecemento astronómico excepcional para reforzar a súa proxección como destino especializado na observación do ceo e na divulgación científica.

0.11560416221619