Chantada premia a creatividade e o coidado ambiental

RibeiraSacraXa
O Concello de Chantada anuncia os gañadores do I Concurso de Embelecemento de Fachadas e Balcóns
concurso-balcóns-chantada
16 sep 2024

O xurado do primeiro Concurso de Embelecemento de Fachadas e Balcóns, organizado polo Concello de Chantada a través da Concellaría de Parques e Xardíns, deu a coñecer este sábado os gañadores desta nova iniciativa, que busca destacar o valor estético e ambiental das fachadas e balcóns da vila. Nesta primeira edición, participaron 22 aspirantes, dos cales 15 pertencían á capital municipal e o resto ao rural.

Os membros do xurado, composto por profesionais relacionados co movemento Vilas en Flor e expertos en xardinería e paisaxismo, visitaron os espazos decorados e revisaron as fotografías realizadas en xullo para avaliar cada proposta. O certame, que contou con 1.050 euros en premios, recoñeceu a creatividade, orixinalidade e esforzo dos veciños e veciñas por mellorar a ornamentación das súas vivendas e contribuír á estética da vila.

Os premiados foron cinco veciños de Chantada; Ana María López González, Alicia Fernández Lamas, Diana Iglesias Crespo, Victorino Fernández Rodríguez e Ana Belén Otero Vázquez. A entrega dos premios terá lugar o próximo xoves, 19 de setembro, ás 20.30 horas na Casa da Cultura de Chantada, onde tamén se entregarán diplomas acreditativos aos gañadores e agasallos a todos os participantes para seguir fomentando a creación de espazos verdes no municipio.

O alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, felicitou aos premiados e destacou o impacto positivo desta competición de balcóns. "Buscamos poñer en valor os beneficios estético-ambientais das fachadas e balcóns como elementos vivos da vila e fomentar a participación cidadá na ornamentación dos espazos. Grazas á implicación veciñal, esta iniciativa foi posible e confiamos en seguir mellorando os espazos verdes da nosa comunidade”, sinala o alcalde de Chantada.

Este concurso forma parte da aposta do Concello de Chantada pola xestión sostible dos espazos verdes, o que lle valeu xa 4 Flores de Honra no programa Vilas en Flor, recoñecendo o seu compromiso coa mellora da calidade de vida a través do coidado ambiental. “Este ano participaremos de novo na convocatoria e confiamos en obter un novo recoñecemento pola importante aposta que se fai desde a área de Parques e Xardíns por conservar e crear novas zonas verdes que repercutan positivamente na vida cotiá dos veciños e veciñas", subliñou Manuel Lorenzo Varela.

0.091989994049072