Chantada pechou o Nadal cunha xornada dedicada á infancia

O Concello de Chantada puxo o broche final á súa programación de Nadal cun día especial dedicado á infancia, no que os nenos e nenas foron os grandes protagonistas. Na xornada festiva do 6 de xaneiro organizouse un carrusel gratuíto que permitiu prolongar a ilusión xerada a véspera coa celebración da Cabalgata de Reis. O desfile de Melchor, Gaspar e Baltasar, acompañados polos seus paxes, foi seguido por numerosas familias, que pecharon a xornada co encontro das Súas Maxestades cos máis pequenos no Auditorio Municipal.
Toda a programación destas festas estivo deseñada para ser gozada en familia, cunha ampla oferta de actividades dirixidas ao público infantil, entre as que destacaron sesións de contacontos, espectáculos musicais e propostas de circo. Co obxectivo de facilitar a conciliación familiar e laboral, tamén se organizaron os Campamentos de Nadal, que se desenvolveron no Pavillón Municipal en horario de mañá, cun servizo de madrugadores desde as 8:00 horas, así como obradoiros creativos que tiveron lugar no telecentro.
Segundo explicou o alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, nos Campamentos de Nadal participaron 80 nenos e nenas, mentres que nos talleres creativos se inscribiron 15 menores, cunha elevada asistencia tamén ao conxunto das actividades culturais organizadas. O rexedor destacou que este ano se incorporaron novidades como o carrusel e avanzou que o Concello seguirá mellorando e ampliando a oferta para facer destas datas un tempo especialmente pensado para a infancia.
Outro dos espazos máis atractivos para os cativos é o Poboado de Nadal, que medra cada ano coa incorporación de novas pezas e elementos decorativos xunto á xa coñecida casiña de Papá Noel. Este referente do Nadal en Chantada continúa apostando polo uso de materiais reutilizados e de reciclaxe, dentro dunha liña de decoración sostible que tamén busca estender os motivos do Nadal a novas zonas da vila. O obxectivo, segundo sinalou o alcalde, é facer de Chantada un lugar agradable e acolledor durante estas datas, atraer visitantes e contribuír á dinamización do comercio e da hostalaría local.