Chantada pechou as Festas Patronais cun éxito histórico de público e participación

RibeiraSacraXa
Manuel Lorenzo Varela, alcalde de Chantada: "Nunca se viu tanta xente nas propostas organizadas; saíu todo extraordinariamente ben"
Festas-Patronais-de-Chantada-2025
30 Aug 2025

O Concello de Chantada celebrou do 21 ao 26 de agosto as súas Festas Patronais en honor á Virxe do Carme, seis días de actividades nos que a música foi a gran protagonista.

O bo tempo acompañou e, segundo o alcalde, Manuel Lorenzo Varela, nunca se viu tanta xente nas propostas organizadas: “Saíu todo extraordinariamente ben, felicitei ao concelleiro de Cultura e a todo o persoal do Concello que colaborou no bo desenvolvemento das Festas porque saíron redondas. Foi ademais o mellor ano de asistencia de público, a Festa da Empanada estaba abarrotada”.

Xa en xullo, Chantada recibira unha gran afluencia de visitantes, que admiraron o paseo fluvial, a zona antiga, os balcóns adornados, o Folión de Carros e a Ribeira Sacra. “Chantada é un polo de atracción turística, cada vez nos visitan máis e nos coñece máis xente. Funciona moito o boca a boca”, explicou o rexedor.

Os concertos inaugurais tiveron lugar o xoves 21 na Praza de Catro Camiños, con actuacións de La Disquetera e Son de Rosas, mentres que o “Ata o Chan Festival” trasladouse á Praza do Pavillón, congregando DJ de primeiro nivel nun evento que resultou un éxito. “O Ata o Chan Festival foi un éxito, tanto de participación como no bo desenvolvemento do evento, polo que agradecemos o traballo da organización con Rubén González á cabeza”, sinalou o concelleiro de Cultura, Manuel Diéguez.

O sábado foi un dos días centrais das Patronais, coa celebración do Folión de Carros e a lectura do pregón a cargo de Roberto Fernández, fillo de Xilberto de San Pedro, nunha intervención emotiva que destacou pola súa vinculación coa historia do Folión. O alcalde definiuno como “tremendamente estupendo” pola calidade e dinamismo do desfile e das actividades posteriores.

O peche das Festas tivo lugar o martes, festivo local, coa Festa da Empanada no Campo do San Lucas e concertos na Praza de Santa Ana e en Xoán XXIII. Segundo o concelleiro de Cultura, “houbo moitísima participación. Coa Festa da Empanada seguiremos traballando para que se use máis o servizo de autobús e haxa menos vehículos, pero todo funcionou sen incidencias e coa cantidade de xente que tivemos hai que felicitar a todo o persoal do Concello que colaborou na organización. Sen eles non sería posible facer isto”.

Ademais, o XXXIV Certame de Bandas de Música celebrado na Praza do Cantón foi outro dos grandes éxitos, con participación da Banda de Música de Chantada, a de Lantaño e a da comarca de Sarria. As Festas remataron sen a sesión de fogos artificiais prevista, por mor da vaga de lumes, medida que recibiu o apoio da veciñanza.

⚙ Configurar cookies
0.077823877334595