Chantada organiza o día 12 unha foliada e un magosto amenizados por Cantos de Taberna
O concello de Chantada ten programado realizar esta xuntanza o sábado 12 de novembro a partir das 18.00 horas na que os Cantos de Taberna converteranse nos protagonistas da tarde.
A saída terá lugar a esta hora, ás 18.00, da Praza Santa Ana.
Todo aquel que queira participar no evento será benvido. A inscrición é de balde e pódese realizar ata o 5 de novembro nos teléfonos 698 120 362 - 659 494 720, nos seus perfís de redes sociais (instagram e Facebook) ou enviando unha mensaxe ao correo electrónico cantosdetabernachantada@gmail.com .
As pezas do repertorio que se presenten deberán ser en galego e de libre escolla, aceptándose tamén adaptacións propias e composicións orixinais.
A organización deixa claro que non son benvidas as coplas de contido machista, misóxino, transfobo, homófobo ou racista que abundan nunha parte da tradición que non é de ningún xeito a que se quere conservar nin transmitir.
Non haberá concurso, puntuacións nin premios polo que o principal obxectivo da xuntanza e pasalo ben e desfrutar da compañía. Rematarase cunha foliada, un magosto tradicional e uns petiscos para tódolos grupos asistentes.
Tradición
Os Cantos de Taberna son unha tradición nacida de xeito espontáneo nos anos 50, entre grupos de amigos que se reunían as fins de semana para tomar unhas cuncas de viño nos locais do casco histórico de Lugo e tamén para cantar. Co paso do tempo, esta tradición comezou a caer en desuso pero na actualidade, moitos son os concellos que levan a cabo xuntanzas e iniciativas coma esta para evitar que se perdan na súa totalidade.