Chantada inaugura o Nadal este venres co acendido das luces e a apertura do Poboado de Nadal

O Concello de Chantada inaugura este venres, 5 de decembro, ás 20:30 horas, a programación de Nadal co acendido das luces e a apertura do Poboado de Nadal, que se instalará na Praza do Mercado e na Praza da Paz. O municipio incorpora este ano novas zonas iluminadas e máis elementos ornamentais.
Segundo explicou o alcalde, Manuel Lorenzo Varela, nesta edición colocáronse 120 arcos luminosos e ampliouse a extensión das guirnaldas decorativas. Como novidade, iluminarase a zona do Parque da Alameda, onde os árbores lucirán motivos que representan as 36 parroquias do concello, e tamén se incorporará iluminación nas barandas da ponte que dá acceso ao muíño.
A Praza de Galicia acollerá novamente o tradicional árbo de Nadal e varios espazos destinados a photocall. Pola súa parte, a Praza de Santa Ana contará con decoración específica co obxectivo de dinamizar a hostalaría e o comercio, ademais de crear un ambiente festivo para os máis pequenos.
O rexedor invita a veciñanza e familias a participar no acto de apertura, lembrando a boa acollida que tivo o pasado ano. “Facemos un chamamento para que nos volvan acompañar e abrir xuntos unha nova Nadal”, sinalou.
A programación comeza xa ás 18:00 horas dese mesmo venres, cunha sesión de contacontos na Biblioteca Pública Municipal a cargo de Lalá Teatro, que presentará 'A carta de Nadal', dirixida a nenas e nenos maiores de tres anos.
As actividades continuarán o 19 de decembro, tamén na biblioteca, cun novo contacontos: 'Leo e o Nadal', pensado para pequenos de entre 1 e 4 anos.
O Auditorio Municipal acollerá outra parte do programa: o luns 22 de decembro proxectarase o filme de animación 'Noite de Paz, Holy Night'; o venres 26 será a quenda da comedia de acción 'Red-One'; o día 27 celebrarase o espectáculo de circo e humor 'Mayday'; e o 30 de decembro terá lugar o concerto infantil de Gramola Gominola.
A programación inclúe tamén propostas deportivas. O 27 de decembro, ás 17:15 horas, disputarase a II San Silvestre “No corazón de Galicia”, unha carreira na que se agarda a participación de numerosos corredores caracterizados con motivos de Nadal.
Xa en 2025, o día 2 de xaneiro, a Biblioteca Municipal celebrará unha nova sesión de contacontos, 'A osiña amorosa, Gemola volve polo Nadal'. A tradicional Cabalgata de Reis terá lugar o 5 de xaneiro a partir das 18:30 horas e, tras o percorrido polas rúas da vila, as Súas Maxestades recibirán as nenas e nenos no Auditorio Municipal.
A programación péchase cos campamentos e talleres infantís pensados para facilitar a conciliación familiar nestas datas. As inscricións permanecen abertas ata o 10 de decembro nas oficinas de Servizos Sociais do Concello.