Chantada inaugura o alumeado e o Poboado de Nadal

RibeiraSacraXa
O Concello incorpora este ano unha nova zona iluminada no Parque da Alameda
chantada-poboado-nadal
6 Dec 2025

Chantada deu oficialmente a benvida ao Nadal este venres co acendido do alumeado festivo e a apertura do Poboado de Nadal. O alcalde, Manuel Lorenzo Varela, xunto co concelleiro de Cultura, Manuel Diéguez, e as concelleiras de Turismo e Servizos Sociais, Pamela Fernández e María Cándida Carnero, participaron no acendido. Tras unha conta atrás seguida con expectación, os nenos e nenas foron os primeiros en percorrer o Poboado, visitando a Casa de Papá Noel e descubrindo os detalles que cada ano caracterizan este espazo.

O Poboado de Nadal, instalado entre a Praza do Mercado e a Praza da Paz, volve ser un dos elementos máis destacados do Nadal chantadino. Inclúe animais domésticos e salvaxes, unha rotonda cun cervo iluminado como novidade, a recreación da vila de Chantada coa súa igrexa e as súas casas tradicionais, así como as casas dos gnomos, o Tren de Nadal e as barcas de feira. A súa construción con madeiras reutilizadas e materiais reciclados mantense como unha das súas sinales de identidade, promovendo unha decoración sustentable vencellada á tradición local.

O Concello ampliou a iluminación e a decoración en distintas rúas e prazas para impulsar o ambiente do Nadal e favorecer a actividade comercial e hostaleira. A Praza de Galicia volve lucir unha gran árbore e un espazo de photocall, mentres que diante do Auditorio Municipal se instalou un carrusel que funcionará ata o 5 de xaneiro. Na rúa Comercio, unha bóla xigante iluminada substitúe ao agasallo luminoso do ano pasado, e na Praza de Santa Ana colocáronse figuras dos Reis Magos xunto a un gran candil decorativo.

Este ano incorpórase unha nova zona iluminada no Parque da Alameda, con luces nos varandais da ponte, nos plátanos e nas casiñas e bólas que representan as 36 parroquias e barrios de Chantada. Tamén conta con iluminación a Praza Luis García Arias. Nos accesos á vila, as letras de Chantada lucen iluminadas xunto a dous cervos situados nas illotes centrais.

O alcalde, Manuel Lorenzo Varela, agradeceu o traballo de organización e animou á cidadanía a desfrutar das festas. A programación do Nadal comezará o xoves 19 de decembro cunha sesión de contacontos na Biblioteca Pública Municipal para nenos e nenas de 1 a 4 anos.

⚙ Configurar cookies
0.074519157409668