Chantada impulsa unha nova campaña para fomentar o compostaxe doméstico

RibeiraSacraXa
En total, o Concello repartirá 200 composteiros de balde entre as persoas empadroadas en Chantada que dispoñan dun terreo mínimo de 25 metros cadrados
composteiro-2
8 Nov 2025

O Concello de Chantada, a través da Concellería de Medio Ambiente, porá en marcha o próximo 10 de novembro unha nova campaña para mellorar a xestión dos residuos orgánicos e promover o uso do compostaxe. A iniciativa incluirá accións informativas tanto na rúa como nos centros educativos do municipio.

A primeira xornada celebrarase o luns 10 de novembro, cun punto informativo situado no cruce da rúa Xoán XXIII coa avenida de Monforte. Desde as 10:30 da mañá, o persoal municipal ofrecerá información sobre a recollida da fracción orgánica e repartirá contedores de 10 litros, bolsas de reciclaxe e chaves para participar no programa. Tamén se atenderá aos establecementos hostaleiros e de restauración, que disporán de cubos e bolsas adaptados a maior capacidade.

No propio posto informarase ademais sobre como solicitar os composteiros domésticos, que poderán pedirse presencialmente ese mesmo día ou a través da web municipal. En total, o Concello repartirá 200 composteiros gratuítos entre as persoas empadroadas en Chantada que dispoñan dun terreo mínimo de 25 metros cadrados. As persoas beneficiarias deberán comprometerse a facer un uso axeitado, e realizaranse visitas de seguimento para resolver dúbidas e comprobar o seu funcionamento.

A campaña continuará o día 12 nos centros educativos, comezando no CEIP Eloísa Rivadulla e seguindo en días posteriores no CEIP Xoán de Requeixo e nos institutos Lama das Quendas e Val do Asma. Neles impartiranse obradoiros dirixidos ao alumnado co obxectivo de concienciar sobre as vantaxes do compostaxe doméstico e a importancia de separar correctamente os residuos orgánicos.

O Concello de Chantada implantou en xaneiro do pasado ano a recollida do contedor marrón, destinado exclusivamente a restos orgánicos. Con esta nova campaña preténdese reforzar a colaboración veciñal e cumprir cos obxectivos marcados pola Unión Europea.

“Este tipo de campañas son importantes para que a xente se anime a facer unha boa reciclaxe e a utilizar o contedor marrón. Detectamos que a separación do vidro, do papel ou do envase amarelo se fai ben, pero na orgánica aínda non hai hábito e moita xente ten dúbidas sobre o seu uso, así que anímoos a informarse o día 10 acudindo á carpa”, explicou o alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela.

⚙ Configurar cookies
0.069924116134644