Chantada impulsa unha nova campaña para fomentar a reciclaxe de aceite doméstico usado

RibeiraSacraXa
O Concello instalará o venres 21 un punto informativo no cruce da rúa Juan XXIII coa Avenida de Monforte
chantada-reciclaxe
19 Nov 2025

O Concello de Chantada, a través da Concellería de Medio Ambiente, inicia esta semana unha nova fase da súa campaña de reciclaxe centrada no aceite doméstico usado.

Dentro do programa “Recicla con Cabeza, Faino de Corazón”, o venres 21 de novembro, de 10:30 a 13:30 horas, colocarase un punto informativo no cruce da rúa Juan XXIII coa Avenida de Monforte. Alí, o persoal municipal explicará como xestionar correctamente o aceite usado e repartirá de forma gratuíta funís reutilizables para facilitar o seu almacenamento en envases de plástico, que posteriormente deben depositarse no colector laranxa.

O alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, lembrou a variedade de puntos de reciclaxe dispoñibles no municipio e subliñou que esta será só a primeira das accións dunha serie de campañas informativas que se desenvolverán nos vindeiros meses. “Ademais dos contedores de vidro, papel, os contedores amarelos, os de orgánica e de fracción resto, contamos co contedor laranxa para os aceites. Esta será a primeira campaña de outras que se levarán a cabo nos próximos meses para chegar con este tipo de información a todo o municipio”, sinalou.

A iniciativa pretende incrementar a participación veciñal na separación de residuos para reducir a contaminación e fomentar a economía circular. Estas campañas están financiadas polo Concello de Chantada, a Xunta de Galicia e o Ministerio para a Transición Ecolóxica, co obxectivo de mellorar tanto a xestión municipal dos residuos como a calidade de vida da poboación.

⚙ Configurar cookies
0.076958894729614