Chantada estréase como Municipio Starlight cunha noite de estrellas

Chantada viviu este luns a súa primeira actividade como Municipio Starlight, unha cita que combinou divulgación e observación astronómica e que conseguiu reunir a centos de persoas no Monte Faro.
A xornada arrincou no Auditorio Municipal cunha conferencia do astrofísico Borja Tosar, que explicou as características da certificación Starlight e introduciu aos asistentes no fenómeno das Perseidas. Tamén houbo tempo para falar de exoplanetas e viaxar, entre a ciencia e a ficción, polos contidos que Tosar adoita levar ao Planetario da Coruña.
“Contabamos con 77 prazas de autobús que non tardaron en reservarse e a xente seguía chamando para dicir que subirían co coche. O Auditorio estaba case cheo e ao Faro subiron aínda moitos máis coches. Non se podía iluminar por respecto á actividade, pero podemos falar de entre 200 ou 300 persoas as que se tumbaron no Faro para mirar cara arriba e coñecer máis das estrelas. Unha estrea para a xente como Municipio Starlight que foi espectacular”, afirmou o alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela.
Xa no Monte Faro, Tosar guiou a observación co apoio dun láser para identificar estrelas e constelacións. O público, especialmente nenos e nenas, puido empregar un telescopio CPC11 para ver a lúa, aínda moi iluminada tras a fase chea, e mesmo algunhas Perseidas menos brillantes. Os máis pacientes, que permaneceron ata as catro da madrugada, chegaron a observar Saturno.
“Estou moi agradecido por esta xornada. Nunha actividade de astronomía esta cantidade de persoas é moitísimo. Encheuse o Auditorio e despois para a observación había moita máis xente que decidiu subir en día laborable ou de vacacións, coller o coche e vir mirar as estrelas. Xente moi interesada con moita inquedanza, a resposta foi impresionante”, expresou Tosar, quen destacou que “o Monte Faro é espectacular para facer observación, despexado, plano, coa ermida detrás e o horizonte moi despexado. As condicións son moi boas, un dos mellores sitios de Galicia, sen dúbida, para observar as estrelas. En condicións de boa observación, sen lúa chea, promete un espectáculo estupendo. Moi agradecido ao Concello de Chantada por facer cousas de astronomía e moi agradecido ás persoas que o escolleron como plan”.
Desde o Concello subliñaron a implicación do astrofísico e a resposta do público, tanto de Chantada como doutros puntos de Galicia. “Oxalá isto sirva para fomentar algo de afección en Chantada e que sexan os propios veciños os que comecen a facer cousas de astronomía. Sería moi interesante formar unha agrupación astronómica, ir facendo cousas e que as persoas saian a observar o ceo”, concluíu Tosar.