Chantada estrea nova sinalización turística no paseo fluvial do río Asma

RibeiraSacraXa
O novo panel súmase aos xa instalados en 2022 no Cantón e na área de autocaravanas do Sangoñedo, onde se pode consultar o rueiro e o mapa municipal xunto con información actualizada de interese
sinalizacion-turistica-merlan-chantada
15 Aug 2025

O Concello de Chantada conta cun novo panel de información turística situado no paseo fluvial do río Asma. Esta actuación enmárcase no proxecto “Restauración ecolóxica na Reserva da Biosfera Ribeira Sacra e nas Serras do Oribio e O Courel”, que leva a cabo a Consellería de Medio Ambiente nos 23 concellos que forman parte deste territorio.

A Ribeira Sacra, as Serras de Oribio e O Courel foi declarada Reserva da Biosfera en 2021 polo Consello Internacional de Coordinación do Programa Man and the Biosphere (MaB) da Unesco, converténdose na segunda máis grande de Galicia, con 306.534 hectáreas. Neste territorio, Chantada combina a súa riqueza natural coa patrimonial, con elementos de interese dispersos pola serra, o val e a ribeira.

O novo panel súmase aos xa instalados en 2022 no Cantón e na área de autocaravanas do Sangoñedo, onde se pode consultar o rueiro e o mapa municipal xunto con información actualizada de interese.

Desde este panel parte tamén a ruta cara aos Petróglifos das Lamelas, sinalizada recentemente polo Concello. O xacemento destaca polas súas combinacións circulares e numerosas coviñas, e pódese percorrer nunha ruta de 680 metros seguindo sinais de madeira desde a Torre de Merlán. O panel lembra que o mellor momento para observar os petróglifos é pola mañá cedo ou ao final da tarde, coa luz rasante do sol, ou de noite utilizando unha lanterna en posición rasante. Ademais, recolle información sobre outros recursos patrimoniais da parroquia, como a Capela da Torre, o Peto de ánimas de 1948 ou a Feira das Cabras.

⚙ Configurar cookies
0.1552619934082