Chantada entrega os premios da segunda edición do Concurso de Embelecemento de Fachadas e Balcóns

O Concello de Chantada entregou este mércores os premios da segunda edición do Concurso de Embelecemento de Fachadas e Balcóns, unha iniciativa impulsada pola Concellaría de Parques e Xardíns para promover a participación veciñal na mellora estética da vila e das aldeas do municipio.
Nesta ocasión participaron un total de 14 propostas, seis na zona urbana e oito no ámbito rural, que puideron visitarse durante o verán antes de seren avaliadas polo xurado. Os premios entregáronse nun acto celebrado na Casa da Cultura presidido polo alcalde, Manuel Lorenzo Varela, acompañado polo concelleiro de Parques e Xardíns, Diego Otero, e outros membros da corporación.
Os galardóns distinguiron tanto fachadas como balcóns na vila, ademais de recoñecer no medio rural as mellores fachadas e conxuntos axardinados. Na categoría urbana, Mayra Isabel Peña Cruz foi recoñecida co primeiro premio pola decoración do seu balcón, seguida de María Isabel Mazaira Figueiras e Concepción Míguez Rodríguez. En fachadas urbanas, o xurado outorgou o primeiro premio a Juan Manuel Fernández González.
No ámbito rural, a mellor fachada foi a presentada por Victorino Fernández Rodríguez, con segundos e terceiros premios para María Dolores Cuñarro e Alicia Fernández Lamas. En canto aos conxuntos axardinados, o primeiro premio recaeu en Diego Rodríguez Tumbeiro, seguido de Ana Belén Otero Vázquez e María Jesús Gómez Lamas.
Ademais dos premios en metálico, as persoas galardoadas recibiron diploma acreditativo, mentres que todos os participantes foron agasallados cunha planta, un set de xardinaría e unha bolsa personalizada da concellaría.
“Estamos moi satisfeitos coa implicación e co esforzo demostrado. Estas iniciativas non só contribúen a embelecer Chantada, senón que fomentan a conciencia ambiental e a participación cidadá”, sinalou o alcalde, que destacou a boa acollida do certame, que duplicou en boa parte o número de solicitudes respecto á primeira edición.