Chantada convida aos máis pequenos do concello a converterse en paxes reais

O Concello de Chantada ten programada para o día 5 de xaneiro a Cabalgata de Reis que dará comezo ás 18:30 horas. Melchor, Gaspar e Baltasar esperan contar coa compaña de paxes na súa visita a Chantada. Os nenos e nenas que queiran desfilar cos Reis Magos o día da Cabalgata deben de ser maiores de 4 anos.
As prazas para participar son limitadas e cubriranse por orde de inscrición. Os pais e nais teñen de prazo para inscribir aos seus fillos e asinar a autorización correspondente, ata o día 30 deste mes, na Casa da Cultura de Chantada en horario de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas, de luns a venres, e os sábados de 10:00 a 14:00 horas.
Precisamente cos máis novos da casa ábrese a programación de actividades deste Nadal en Chantada. A Biblioteca Municipal de Chantada acollerá este venres, 20 de decembro, o contacontos interactivo, “Nadal en Prácticas”. A cita desenvolverase ás 17:00 horas con entrada libre e gratuíta.
O resto de propostas para público infantil desenvolveranse no Auditorio Municipal a partir das 19:00 horas, comezando o día 23 de decembro co espectáculo “Elfos en prácticas”. Tamén o 23 de decembro dan comezo os Campamentos de Nadal do Pavillón Municipal e os Obradoiros Creativos que terán lugar na Casa da Cultura.