Chantada convértese no primeiro municipio ‘Starlight’ da Ribeira Sacra

RibeiraSacraXa
O obxectivo é ofrecer ás visitantes experiencias astronómicas únicas nunha contorna privilexiada
fotografia-ceo-no-faro-autor-alberto-leiras
'Ceo no Faro', de Alberto Leiras
21 Apr 2025

O Concello de Chantada vén de ser recoñecido como Municipio Starlight, converténdose así nun referente na protección do ceo nocturno e o desenvolvemento do astroturismo dentro do territorio Ribeira Sacra.

Cunha extensión de 177 km², o municipio de paisaxes únicas e escasa contaminación luminosa súmase á rede de municipios certificados pola Fundación Starlight, destacando o seu compromiso co turismo sostible.

Con este recoñecemento o municipio de Chantada convértese no primeiro de Ribeira Sacra en obter esta distinción e no terceiro de Galicia, xunto con Muras, tamén na provincia de Lugo e Lalín. Isto fai tamén que o territorio da D.O. Ribeira Sacra sexa o primeiro das denominacións de orixe de Galicia en gozar deste recoñecemento.

Para obter esta nova certificación que avala a calidade dos servizos turísticos de Chantada fixéronse medicións para comprobar que se cumprían os estándares mínimos esixidos pola Fundación Starlight. Neste sentido os lugares estratéxicos que ofreceron mellores datos en canto a escasa contaminación luminosa no municipio son o Monte do Faro e a zona da ribeira en Amedo. “Desde agora traballaremos para poñer en marcha diversas iniciativas que potencien o astroturismo, como a creación de miradoiros estelares, organización de actividades e eventos astronómicos, a formación de Monitores Astronómicos Starlight e establecer colaboracións con empresas e servizos de promoción turística”, explica o alcalde do Concello de Chantada, Manuel Lorenzo Varela.

O obxectivo é ofrecer ás visitantes experiencias astronómicas únicas nunha contorna privilexiada. Ademais, o municipio conta con espazos naturais excepcionais que realzan o valor do seu ceo nocturno, ofrecendo un marco incomparable para a observación de constelacións, a Vía Láctea e outros fenómenos astronómicos.

A certificación como Municipio Starlight non só pon en valor a calidade do ceo do municipio de Chantada, senón que tamén pon en valor o seu patrimonio histórico, cultural e natural. Esta distinción sitúa á comarca como un destino ideal para quen busca experiencias auténticas, combinando a observación astronómica coa riqueza do seu legado histórico, cultural, patrimonial e paisaxístico.

“Estas accións buscan atraer a un turismo respectuoso co medio ambiente e contribuír ao desenvolvemento económico local, convertendo a Chantada nun destino de referencia para os amantes do astroturismo”, asegura o rexedor local.

As certificacións Starlight complétanse en Galicia, ata o momento, cos Destinos Turísticos Starlight do Parque Nacional das Illas Atlánticas, Costa da Morte, Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, Ancares e Trevinca.

⚙ Configurar cookies
0.12919497489929