Chantada contará cunha nova biblioteca municipal máis ampla e accesible
Vénse de autorizar a sinatura dun convenio co Concello para a rehabilitación dunha edificación situada no núcleo urbano de Chantada, onde se trasladará a biblioteca xa existente. O novo proxecto contará cunha superficie máis ampla e será máis accesible.
O Goberno autonómico achega a metade do investimento necesario para a posta en marcha desta nova infraestrutura que mellorará os servizos actuais
O Consello da Xunta aprobou a sinatura dun convenio de colaboración co concello de Chantada co que impulsará con 300.000 euros a construción dunha nova biblioteca que mellorará os servizos da actual. A actuación conta cun investimento global de máis de 589.461 euros, dos que o Goberno autonómico achegará a metade.
Ó abeiro desta colaboración, restaurarase un edificio situado no núcleo urbano onde se trasladarán os servizos da actual, que co paso dos anos se amosou insuficiente para albergar o volume de libros e mellorará tamén as súas condicións de accesibilidade.
Con esta medida, a Xunta continúa a reforzar o sistema bibliotecario galego con distintas medidas que, ademais da mellora das infraestruturas culturais dos concellos, inclúen o crecemento e actualización das coleccións e dotación de recursos electrónicos, a dinamización da lectura ou a formación, cun orzamento global que supera os 2 millóns de euros.
Ademais, estase a traballar na posta en marcha das Bibliotecas Móbiles, unha iniciativa que permitirá estender estes servizos a toda a cidadanía galega e que avanza para implantala de xeito piloto en 20 concellos rurais das provincias de Lugo e Ourense.
Actualmente a Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia está composta por un total de 295 servizos bibliotecarios con máis de 6,6 millóns de exemplares, 17.000 postos de lectura e máis de 4.100 informatizados distribuídos por todo o territorio.