Chantada celebrará o 8M cun completo programa de actividades entre marzo e abril

O Concello de Chantada, a través do Centro de Información á Muller, organizou unha programación diversa para conmemorar o Día Internacional da Muller durante os meses de marzo e abril, con actividades centradas na educación, na igualdade e na prevención da violencia de xénero.
A xornada principal do 8 de marzo coincidirá coa Feira do Viño de Chantada, e nela lerase o manifesto institucional. A concelleira de Igualdade, Pamela Fernández, será a encargada da súa lectura o domingo 8 de marzo ás 12:45 horas no palco central, antes do pregón.
A programación arrancará o venres 6 de marzo co contacontos “Somos iguais na maxia” na Biblioteca Municipal ás 18:15 horas. Este espectáculo combina maxia, humor e interacción co público para achegar aos máis novos os valores da igualdade, abordando cuestións como a fenda salarial, os estereotipos e o papel das mulleres na historia e no ámbito laboral.
O venres 13 de marzo, ás 19:00 horas na Casa da Cultura, presentarase o IV Plan de Igualdade e contra a Violencia de Xénero 2026-2030 do Concello de Chantada. Segundo a concelleira, este plan serve como ferramenta de planificación e coordinación transversal, orientada a promover un modelo de convivencia baseado no respecto, na equidade e na corresponsabilidade.
O sábado 28 de marzo, ás 19:00 horas no Auditorio Municipal, proxectarase a película “La mitad de Ana”, que aborda a identidade de xénero. Ademais, durante o mes de marzo celebraranse obradoiros de educación afectivo-sexual nos centros de secundaria da vila. Pamela Fernández sinala que a alta participación podería levar a estender estes obradoiros tamén en abril, “porque están mostrando moito interese neste tipo de actividades para concienciar o alumnado na igualdade e contra a violencia de xénero”.
A programación completarase en abril co obradoiro “Sementando autocoidado”, destinado a mulleres do ámbito rural de Chantada, especialmente a aquelas con sobrecarga familiar, coidadoras ou en situación de illamento social. O obxectivo é fomentar a autoestima, o benestar emocional e a expresión de recursos persoais, promovendo relacións máis saudables consigo mesmas e cos demais.