Chantada celebrará a segunda edición da Festa Interxeracional no mes de xuño


O Concello de Chantada, a través da concellaría de Servizos Sociais, prepara a II Festa Interxeracional, unha cita de confraternidade que pretende ser encontro familiar. A Festa celebrarase o domingo, 29 de xuño, e como o ano pasado, terá lugar no Pavillón do colexio Eloísa Rivadulla, localización que reúne as mellores condicións en canto a capacidade, facilidade de acceso, comodidade, seguridade e polas facilidades para ter unha temperatura axeitada durante a celebración, segundo afirman dende a organización.
En canto á data de celebración, o Concello de Chantada, quere establecer o último sábado de xuño, pero este ano faise o domingo para non coincidir coa Festa da Foliada do Barrio de Santa Mariña. “A xente leva tempo preguntando cando repetimos a Festa Interxeracional e así saberán que a cita é o último sábado de xuño. Durante moitos anos celebramos a Festa da 3ª Idade con moito éxito, despois da pandemia recuperámola o ano pasado abríndoa a toda a familia e a xente saiu moi contenta, pedindo repetila”, explica o alcalde, Manuel Lorenzo Varela.
Para participar da Festa é necesario adquirir as entradas na recepción de servizos sociais no Edificio Multiusos, en tesourería na Casa Consistorial, no local do “Enjambre” ou na cafetaría Manix. O prezo da entrada é de 15 euros, para nenos e nenas de 6 a 12 anos serán 8 euros e os menores de 6 anos terán entrada gratuíta. O aforo do pavillón ronda as 700 persoas.
O programa comezará cunha Misa solemne e unha sesión vermú con cóctel de benvida. Ás 14.30 horas haberá un Xantar popular e a festa rematará cunha sesión de baile e un sorteo de viaxes e agasallos.
Manuel Lorenzo Varela anima a participar da cita, “Celebramos principalmente un día de festa e de homenaxe aos nosos maiores, queremos velos acompañados de fillos/as, netos/as e de toda a familia. Un día familiar para compartir con persoas de todas as idades e de todo o municipio de Chantada”.
