Chantada aspira a revalidar as catro Flores de Honor no certame Vilas en Flor 2025

O Concello de Chantada aspira a manter un ano máis as catro Flores de Honor, a máxima distinción do certame Vilas en Flor, que recollerá por sétimo ano consecutivo na gala de entrega prevista para o 14 de novembro en Carballo.
Así o asegurou o alcalde Manuel Lorenzo Varela, tras a visita do xurado do certame ao municipio. “Estamos moi satisfeitos coa participación neste certame que sempre recoñeceu o labor que se fai dende a área de Parques e Xardíns, polo que confiamos en manter a distinción das 4 Flores. O xurado coñeceu sobre o terreo o traballo desenvolvido e, ademais, entregamos vídeos e material documental sobre os diferentes espazos verdes e os proxectos para seguir mellorándoos”, explicou.
O xurado de Vilas en Flor visitou este venres, 17 de outubro, a localidade para coñecer de primeira man as zonas verdes e espazos axardinados, así como a xestión medioambiental impulsada polo Concello. No percorrido estiveron presentes o alcalde, o concelleiro de Parques e Xardíns, Diego Otero, e parte do equipo municipal, que detallaron as actuacións realizadas durante o último ano.
A memoria explicativa presentada polo Concello recolle os principais espazos verdes do municipio, os seus parques infantís, zonas axardinadas e mobiliario urbano, ademais de información sobre as especies arbóreas e plantas de tempada utilizadas. “Levamos moitos anos traballando para conseguir máis e mellores zonas verdes. Superamos as 35 hectáreas de zonas municipais públicas. Contamos con 5 parques infantís que ocupan 13.000 metros cadrados —O Sangoñedo, Eloísa Rivadulla, Piscinas, Alameda e Os Pilos—, dúas zonas con aparatos de ximnasia adaptada e o paseo fluvial do Asma, con 5 quilómetros por ambas marxes do río”, sinalou Varela.
Entre as actuacións máis recentes destaca a mellora do paseo fluvial a través do obradoiro de emprego, a adecuación dos miradoiros e os traballos de roza e ampliación cun investimento cofinanciado pola CHMS de preto dun millón de euros, que permitirá sumar 2,5 quilómetros ao percorrido.
O xurado tamén coñeceu outras intervencións, como o acondicionamento da gran zona verde do barrio de Marín, a renovación do Parque Eloísa Rivadulla, a decoración da ponte peonil da Alameda ou a iniciativa para embelecer balcóns e fachadas coa colaboración da veciñanza.
Dende o Concello aseguran que continuarán reforzando o seu compromiso coa sostibilidade urbana. “Neste próximo ano teremos unha partida importante para o mantemento do paseo fluvial. Estamos incorporando vehículos eléctricos no servizo e seguimos facendo unha xestión integramente municipal coa brigada de parques e xardíns e coa axuda dos obradoiros de emprego e do Aprol Rural. Os resultados están aí para ver”, concluíu o rexedor.