Chantada aproba os orzamentos de 2025 co voto en contra da oposición

RibeiraSacraXa
O orzamento do Concello de Chantada para este 2025 ascende a 9.400.000 euros
concello-chantada
Casa do Concello de Chantada
31 Jan 2025

O Concello de Chantada aprobou no pleno que celebrou este xoves o orzamento para este ano que ascende a 9.400.000 euros o que supón un importante incremento con respecto ao exercicio 2024 no que o orzamento era de 8.425.014 euros. Fíxoo pese a voto en contra do PSOE e Por Chantada-IGV.

Para o alcalde do Concello de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, estes orzamentos “son absolutamente realistas, o que experimenta a subida é a transferencia que nos fixo o Estado o ano pasado que foi de 420.000 euros. Este ano se aproban os orzamentos sería de ao redor de 530.000 euros. Aínda que imos conseguir grande cantidade de investimentos, sobre todo por parte da Xunta, non os contemplamos. Son cartos que entrarán e onde o concello será o adxudicatario, pero ese tipo de obras non as incluímos para non inflar o presuposto e curarse en saúde no caso de que non cheguen, pero chegarán”.

No apartado de gastos, a maior porcentaxe corresponde a gastos correntes en bens e servizos que se leva 4.443.396 euros e os gastos de persoal que supoñen 3.393.981 euros. A este repecto o Concello de Chantada sacaba adiante no 2023 a Relación de Postos de Traballo (RPT). Esta normalización do persoal funcionario e persoal laboral do Concello supuxo un incremento do gasto menor do esperado, supoñendo o capítulo de gastos de persoal un 35%.

O capítulo 2 de gastos correntes en bens e servizos é unha contía importante, case 4 millóns e medio, dos que unha grande parte se destina ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF). “O SAF cústanos ao redor de 400.000 euros e temos dadas todas as horas de dependencia, todas as persoas que demandan o servizo reciben atención. Entre a Xunta, o Concello e o que aportan os cidadáns o gasto total do SAF está ao redor de 1.200.000 euros”, explica o alcalde.

Neste capítulo inclúese tamén o diñeiro para facer fronte á recollida de lixo, ós pagos a Sogama, as aportacións que hai que facer para a Gardaría Municipal ou o Centro de Día, os gastos de alumeado e outras obras menores que hai que executar ao longo do ano.“Son habituais obras na ribeira por incidencias e desprendementos, por exemplo con esta tempada de chuvias. Solucionar estas cuestións cotiás suma unha cantidade importante para as arcas municipais”, sinala o rexedor.

Dentro dos gastos destácase a partida de 325.000 euros, a través dunha operación de creto, para facer a aportación das obras que executará a Confederación Hidrográfica Miño Sil para a canalización dos regatos da vila.

Con todo, dende o Concello explican que estes orzamentos permitirán rematar dúas obras importantes que se viñeron desenvolvendo no 2024. “Pensamos inaugurar o centro de atención temperá e a biblioteca nova, dúas obras estrela que agora se rematarán. Con atención temperá esperamos a que Agader aprobe o plan que temos cos outros concellos para poder distribuír as axudas, a través de aí conseguimos no 24 case 90.000 euros para a obra do centro de atención temperá, e este ano esperamos poder meter unha partida de 130.000 euros para poder dotalo de mobiliario, se non utilizaremos fondos propios”.

No estado de ingresos o Concello destaca os 4.905.501 euros de transferencias correntes de capital tanto do Estado, como da Xunta e da Deputación, que permiten executar importantes actuacións, e os 2.595.459 euros de impostos directos, onde a partida máis importante é o IBI polo que o Concello de Chantada ingresa 1.583.000 euros, nesta recadación destaca o IBI que paga o encoro de Belesar.

O Concello de Chantada ingresará ademais ao redor de 250.000 euros, non contabilizados e xa concedidos que se recibirá nun par de meses como axudas á eficiencia e aforro enerxético para darlle servizo ao centro de atención temperá, á biblioteca e ás piscinas municipais a través da xeotermia.

Tampouco se inclúe nos orzamentos o remanente de 580.000 euros que deixa o 2024. “Ese remanente permitiranos facer máis quilómetros de aglomerado en quente no rural e outras obras, incluso amortizar unha pequena débeda que adquirimos no seu momento para levar  subministración eléctrica ao Polígono do Acivros. Son uns orzamentos completamente realistas para non ter que facer correccións á baixa”.

Coa aprobación dos orzamentos, o alcalde anuncia que neste ano o recibo de lixo da zona urbana de Chantada deixará de ir co recibo da auga. “Imos a externalizar eses recibos para pasarlle á Deputación a recollida de lixo no rural e na zona urbana”.

0.17214512825012