Chantada acolleu un obradoiro sobre artesanía en vimbio e liño no marco das xornadas ‘Entrelzar’

A Fundación Artesanía de Galicia pechou hoxe en San Cristovo de Mouricios o taller “Circula o territorio a través das mans”, unha actividade formativa dirixida pola artista colombiana Rosana Escobar e que se desenvolveu ao longo da semana conxuntamente cos artesáns Idoia Cuesta e Jorge Filipe de Sá Pinheiro.
O obradoiro, celebrado no Espazo Vilaseco dos Casares, centrouse na reinterpretación do liño e do vimbio cultivados na zona, explorando o seu uso máis alá da utilidade práctica e propoñendo unha aproximación artística que conecta materia e contorna. As persoas participantes traballaron co ciclo vital destas fibras e elaboraron unha colección de mostras que serviu como ponte entre tradición e creación contemporánea.
A clausura contou coa presenza da xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, quen subliñou o valor deste tipo de iniciativas para “modernizar e innovar a partir dos oficios tradicionais, dos recursos locais e da riqueza do medio rural galego”.
Este taller serviu de antesala ás Xornadas Entrelazar, que terán lugar esta fin de semana no mesmo espazo e que celebran a súa terceira edición. A cita, comisariada pola deseñadora e investigadora téxtil Inés Sistiaga, inclúe catro mesas de debate arredor da cestería, abordando cuestións históricas, técnicas e experimentais, e reflexionando sobre como os oficios artesanais se adaptan aos actuais retos sociais, produtivos e ecolóxicos.