Chantada acolleu a xornada 'Moito que facer' da Asociación de Familias Monomarentais de Galicia

RibeiraSacraXa
Para a xente que non puido participar da charla informativa, farase unha charla online o vindeiro 25 de setembro ás 19.00 horas, a través da web de FAGAMOS
Moito-que-facer-Chantada
19 sep 2024

Chantada acolleu a xornada 'Moito que facer', unha actividade promovida pola Asociación de Familias Monomarentais de Galicia (FAGAMOS), que instalou desde as 16.00 horas deste martes un punto de atención na Praza do Mercado, onde se ofrecía información e recursos relacionados coa conciliación, a corresponsabilidade e os coidados con perspectiva de xénero.

Dábase asesoramento en cuestións específicas para situacións de monoparentalidade, a solicitude do certificado de familia monoparental, redes de apoio, información sobre axudas, dereitos, lexislación, etc.

Ademais, desde as 18.00 horas na Casa da Cultura contouse cunha charla formativa e un faladoiro, onde se afondou nos datos que amosan o impacto que teñen nas vidas das mulleres as desigualdades que existen respecto ás tarefas do fogar e da crianza.

Conversouse sobre o papel que xoga o tipo de estrutura familiar na conciliación, e as consecuencias persoais, familiares e laborais que ten a imposibilidade de conciliar axeitadamente na saúde e no benestar de todos os membros da familia. Contouse tamén cun xogo para os nenos e nenas sobre a corresponsabilidade no fogar.

“Axudar ás familias para o coidado de nenas e nenos é unha prioridade para este Concello. A baixa natalidade está relacionada en parte coas dificultades de conciliación e neste sentido no Concello de Chantada facemos o posible por atender este tipo de demandas, contando con diferentes alternativas que axudan a conciliar como o programa madrugadores, os campamentos de períodos vacacionais, etc.”, explica o alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela.

Este tipo de xornadas forma parte do proxecto 'Currunchiños de Conciliación' do Plan Corresponsables e está financiada pola Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia e polo Ministerio de Igualdade, e organizada en colaboración do Concello de Chantada.

Para a xente que non puido participar da charla informativa, farase unha charla online o vindeiro 25 de setembro ás 19.00 horas, a través da web de FAGAMOS. O obxectivo é sensibilizar á poboación na importancia de que a igualdade, a conciliación e a corresponsabilidade se entendan tendo en conta a diversidade familiar da nosa sociedade.

Co fío conductor 'Moito que facer', abórdase unha dobre interpretación: por unha banda os moitos “quefaceres” diarios que deben atender as persoas que coidan e por outra, o moito que queda por facer á sociedade para que exista unha verdadeira corresponsabilidade no eido dos coidados.

0.15703392028809