Chantada acolleu a VI Asemblea de Interior Galego Vivo, que tecerá unha rede de alianzas de cara ás eleccións
Interior Galego Vivo celebrou a súa VI Asemblea no Casino de Chantada, á que acudiron representantes de todas as asembleas locais que conforman Interior Galego Vivo e na que participaron colectivos e persoas de candidaturas municipalistas de todo o País.
Nese encontro, refrendouse a proposta de artellar un acordo amplo sobre un programa común de defensa do rural e dos servizos públicos en todo o territorio que garanta que ningún voto se perde en Lugo ou Ourense para acadar o necesario cambio político en Galicia por unanimidade.
"O carácter da Xunta do PP, máis unha axencia de negocios ca un goberno, esixe, polo ben da cidadanía de todo o territorio, unha mudanza; no caso do interior, esta é vital para a nosa supervivencia. Se a prioridade é pór fin ás políticas depredadoras do territorio, que multiplican a desigualdade, o conxunto dos actores políticos deben, pois, impulsar un acordo amplo sobre a base dun acordo programático común centrado no rural", defenden desde Interior Galego Vivo.
De cara ás eleccións
Así, explican que as eleccións á Xunta de 2024 e as europeas son "citas decisivas para os nosos territorios", porque "só desde a unidade de acción e formulando unha fronte cívica con tradución no plano electoral nas provincias de Lugo e Ourense se pode rachar coa hexemonía e a rede clientelar do PP e porque é urxente actuar sobre unha arquitectura ordoliberal, ao servizo das grandes finanzas centroeuropeas, que compromete o despregamento de calquera alternativa que non pase pola desvalorización interna e o aumento do foxo da desigualdade que, agora, alimentará o crecente militarismo e o chovinismo extremo ao tempo que se afasta calquera horizonte real de converxencia e se continúa cunha PAC que nos maltrata", denunciaron.
Porén, din que hai elementos que permiten aferrarse "á esperanza dunha Europa de cooperación dos pobos que se asente na loita contra a mudanza climática dende unha perspectiva social e cívica. Acreditamos nunha internacional rural e en levar a nosa voz a todas as instituciós, porque onde está IGV está o rural".
Por todo isto, desde IGV traballarán para tecer unha rede de alianzas cos principios inspiradores de audacia, humildade e transversalidade, para conformar o tecido social das parroquias, "porque máis rural e máis comunidade son necesarios para unha humanidade mellor que aposte pola paz e a resolución pacífica dos conflitos", sosteñen.
Deste xeito, IGV coordinará con outros colectivos e candidaturas municipalistas das provincias atlánticas un encontro galego e dirixirase ás forzas políticas progresistas do país.