Chantada acollerá unha xuntanza centrada nu turismo e no desenvolvemento rural
O próximo 13 de maio Acción contra a Fame, en colaboración co Concello de Chantada, organiza unha xuntanza centrada no turismo e coa que abrir diálogos sobre o futuro do sector.
Esta actividade, que terá lugar de 17.00 a 19.00 horas no Auditorio Municipal de Chantada, está enmarcada no proxecto Comunidades de Emprego e Emprendemento Rural Sostible, financiado polo Fondo Social Europeo Plus e Fundación MAPFRE.
Así, ten vocación de ser a primeira dun percorrido que permita que entidades, empresas e cidadanía conversen, desvelen potenciais, estuden sinerxías e, en definitiva, colaboren para contruír un futuro para todos e todas de maneira consciente e en consonancia co desenvolvemento rural.
Acción contra a Fame fai un chamamento a todas aquelas persoas profesionais do sector turístico, e tamén a aquelas outras interesadas ou que consideran que poden explorar novas oportunidades neste eido: estudantes, asociacións, persoas desempregadas, emprendedoras, empresas do sector primario ou servizos, etc.
Nesta primeira reunión haberá representación do Concello de Chantada e do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra; e poderase falar de financiación, desestacionalización, profesionalización, emprego, actividades complementarias…
Partindo das intervencións dos/as presentes e cun enfoque participativo, intentando identificar ideas e obxectivos que dean continuidade a estas xuntanzas. Sempre coa vista posta na creación e mellora do emprego e na dinamización territorial como formas de fixar poboación no rural.