Chantada acollerá unha xornada astronómica co astrofísico Borja Tosar para observar as Perseidas

RibeiraSacraXa
Será o luns 11 de agosto e para participar haberá que inscribirse previamente de maneira gratuíta
chantada-destino-starlight
5 Aug 2025

O Concello de Chantada, a través da Oficina Municipal de Turismo, celebrará o vindeiro luns 11 de agosto unha actividade sobre astronomía que contará coa participación do astrofísico Borja Tosar. A xornada comezará ás 20:30 horas e será totalmente gratuíta.

Aproveitando as boas condicións de visibilidade nocturna que ofrece a zona e o recente recoñecemento de Chantada como Municipio Starlight, o Concello organiza esta iniciativa aberta ao público. A actividade comezará cunha charla no Auditorio Municipal a cargo de Borja Tosar, Máster en Astronomía e Astrofísica e tamén en Comunicación Científica pola Universidade Internacional de Valencia. O astrofísico colabora coa rede SWEMN de detección de meteoros no suroeste europeo e participa no Planetario da Coruña, onde imparte sesións mensuais tituladas Postais Planetarias.

Ás 23:00 horas, as persoas asistentes trasladaranse en autobús ata o Monte Faro, onde ás 23:30h dará comezo a observación do ceo cun telescopio CPC11. A actividade rematará arredor da 01:00h, coa volta a Chantada. Tosar asegura que “ninguén que veña a unha observación deste tipo queda indiferente, se o ceo non está nubrado veremos moitas cousas que acontecen mirando para arriba”.

A chuvia de meteoros coñecida como as Perseidas, ou Bágoas de San Lourenzo, será o fenómeno principal a observar durante a noite. Este fenómeno é especialmente visible nos meses de xullo e agosto.

O alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, destacou que “Esta é a primeira actividade para o público que organizamos desde o Concello de Chantada desde que nos distinguiron como Municipio Starlight. Neste tempo tamén melloramos a sinalización cara o Faro e estamos traballando nun proxecto para acondicionar algunhas das zonas do Starlight. Antes de que acabe o ano queremos facer unhas xornadas para que o tecido empresarial aproveite esta condición de Starlight”.

A participación é libre e gratuíta, mais para utilizar o transporte ao Monte Faro será preciso inscribirse previamente na Oficina de Turismo de Chantada ou chamando ao 982 441 752, ata o día anterior á actividade.

A organización recomenda levar roupa de abrigo, calzado cómodo, unha manta ou cadeira, e lanterna con luz vermella. No caso de que as condicións meteorolóxicas non sexan axeitadas, a observación será reprogramada para outra data.

⚙ Configurar cookies
0.053523778915405