Chantada acollerá un obradoiro sobre saúde emocional e contido online na adolescencia

RibeiraSacraXa
Será o vindeiro 9 de maio no Auditorio Municipal
curso-adolescentes-medios-chantada
29 Apr 2025

O Concello de Chantada organiza o 9 de maio no Auditorio Municipal de Chantada desde as 19.30 horas, un obradoiro que leva por título “Adolescencia e contido online: efectos na saúde emocional”.

“Como afectan á saúde emocional dos e das adolescentes os contidos de internet?” será a pregunta sobre a que se debaterá nesta actividade, guiada pola educadora social, Paula Santos. A proposta está destinada ás familias e á poboación xeral interesada na temática.

Durante 75 minutos e coa utilización de dinámicas participativas integraranse coñecementos clave sobre a importancia de establecer límites, tanto no ámbito persoal como no uso das tecnoloxías, promover a reflexión crítica sobre o uso responsable das TRIC e a importancia do acompañamento emocional.

Con todo, este obradoiro gratuíto pretende fomentar a capacidade de acompañamento emocional e a súa relevancia na creación de contornas seguras e de apoio dentro do núcleo familiar, insistindo en conceptos como convivencia e benestar.

A través de simulacións de situacións reais relacionadas co uso das tecnoloxías, reflexionarase sobre o impacto emocional que ten o mundo dixital na súas familias. A dinámica colocará á poboación adulta na pel das novas xeracións para comprender mellor as súas vivencias dixitais.

“Non me gusta traballar coas familias desde o medo, iso fai que non nos adentremos neste mundo e que os nenos e adolescentes sexan orfos dixitais. Hai moitas novas con moita alarma que demonizan as redes sociais e todo o dixital e así seguimos aumentando a brecha dixital entre as xeracións. Nos centros educativos vexo que os nenos demandan que se lles acompañe desde a reconciliación e non se lles fale desde o xuízo, que os adultos coñezamos o que hai e esteamos presentes”, explica Paula Santos.

⚙ Configurar cookies
0.15854692459106