Chantada acollerá hoxe a Dositeo Veiga para presentar o calendario Ceos Galegos 2022
No día de hoxe terá lugar a presentación do novo calendario para o ano 2022 de Ceos Galegos.
A pregunta coa que se presenta este novo proxecto de cara ao 2022 é ‘Canto hai que non me ves?’ unha dúbida que pretende loitar contra a contaminación lumínica. Este é un proxecto de divulgación científica e defensa do esplendor dos ceos nocturnos.
Este proxecto, que cumpre cinco anos, mostra as mellores paisaxes estreladas durante os doce meses do ano.
As fotografías preséntanse cun texto explicativo do físico Jorge Mira e outro poético da escritora Estíbaliz Espinosa. Neste calendario, as fotografías mostran fenómenos astronómicos, monumentos, etc.
A Vía Láctea dende o mirador de Amandi en Sober, o Castelo de Pambre, o Faro de Punta Nariga son algunhas das imaxes que nos deixará ver este proxecto.
O calendario pódese adquirir en 70 librarías galegas e unha de Madrid. Tamén se pode comprar online.
A presentación terá lugar no Espazo Xove de Chantada ás 17.30 horas. E correrá a cargo de Dositeo Veiga con músicas antigas de Juan Manuel Velázquez.