Chantada acollerá as xornadas polo décimo aniversario da revista “Alicerces”

RibeiraSacraXa
A cita está organizada pola Irmandade Cultural País do Faro e será o sábado 15 no Auditorio Municipal
xornada-alicerces
7 Nov 2025

A Irmandade Cultural País do Faro celebra este sábado, 15 de novembro, o X aniversario da súa publicación Alicerces. Revista de estudos do Miño Medio cunhas xornadas divulgativas que se desenvolverán no Auditorio Municipal de Chantada a partir das 17:00 horas.

O programa inclúe tres conferencias centradas na historia, a arquitectura e o papel das mulleres na Galicia medieval, ademais dun coloquio final e unha degustación de produtos locais.

A primeira intervención, titulada “Chantada: Restauración e República”, correrá a cargo de Fernando Varela García, catedrático de Lingua e Literatura Galega. Ás 17:45 horas será a quenda de Carla Fernández Martínez, profesora do Departamento de Historia da Arte e Musicoloxía da Universidade de Oviedo, coa charla “Modernidade arquitectónica na Ribeira Sacra. Antoni Tenreiro Bronchón e os novos poboados hidroeléctricos”. Finalmente, ás 18:30 horas, Miguel García Fernández, historiador do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (CSIC), falará sobre “O poder das mulleres na Idade Media galega”.

Desde a Irmandade Cultural País do Faro expresaron o seu agradecemento ao Concello de Chantada e á Área de Cultura da Deputación de Lugo polo seu apoio continuado, así como ás empresas colaboradoras nesta edición: Queixería Airas Moniz, Hotel Mogay, Castañas Naiciña, Embutidos Landra, Galletas Daveiga, Galletas Xianas, Distribucións Lebreiro, Panadería Xinxán, Adegas Lareu, Adega Instinto Romano e Adega Virxe dos Remedios.

As xornadas pecharán cun coloquio aberto e unha degustación de produtos locais, que servirán como broche a unha cita que conmemora unha década de traballo cultural e divulgativo arredor da identidade e do patrimonio do Miño medio.

⚙ Configurar cookies
0.076314926147461