Chantada acollerá a xornada ‘Memorias das resistencias e da represión’ o 20 de xullo
Por Chantada – Interior Galego Vivo organiza o vindeiro 20 de xullo unha xornada baixo o nome de ‘Memorias das resistencias e da represión’ que terá lugar no Círculo recreativo cultural de Chantada.
Desta maneira, todo comezará ás 10.00 horas coa acollida e a presentación por parte de Helena Fernández, de Interior Galego Vivo, e ás 10.15 horas Rafael Lobelle González, historiador, profesor e escritor dará a ponencia ‘Polos vieiros da Memoria: a transmisión do trauma bélico na parroquia de Santa Cruz de Viana’.
Ás 11.00 horas haberá unha pausa para o café e ás 11.20 horas terá lugar a ponencia ‘A importancia de facer memoria da represión franquista: o caso das illas de San Simón e San Antonio, por Paula Baliño, profesora universitaria.
Xa ás 12.00 horas terá lugar a ponencia ‘Chantada durante a II República’, por Carlos Fernando Varela, profesor e ex concelleiro de Chantada; e ás 13.00 horas Xurxo Ayán será quen de falar de ‘Repil, de cenario de combate a lugar de Memoria’.
Despois, terá lugar o xantar ás 14.00 horas e ás 16.30 horas volverán as ponencias coa ‘Poesía radical: agrarismo, represión e resistencia nas terras de Brollón’ con Olga Novo, Premio Nacional de Poesía en 2020; e, por último, ás 17.30 horas o escritor e fundador da Asociación para la recuperación de la Memoria Histórica, Santiago Macías, dará a charla ‘Fermín Gutiérrez Lada ‘Segura’. Una vida de resistencia contra el franquismo’.