Chantada acolle unha nova edición do Cine no Cantón e a Mostra de Teatro Maruxa Villanueva

RibeiraSacraXa
Estas citas cada ano reúnen a familias e grupos de amigos de distintas idades para desfrutar de varios días de cultura na rúa
praza-do-Cantón-Chantada
11 Ago 2024

Dentro do Verán Cultural do Concello de Chantada contarase con Cine no Cantón e a Mostra de Teatro Maruxa Villanueva, citas que cada ano reúnen a familias e grupos de amigos de distintas idades para desfrutar de varios días de cultura na rúa.

Cine no Cantón propón películas de balde para todos os públicos, desde as 22.30 horas na Praza do Cantón. Proxectaranse os seguintes títulos: O luns, 12 de agosto, ‘¡Vaya Vacaciones!’; o martes, 13 de agosto, ‘Aventuras de una kraken adolescente; o mércores, 14 de agosto, ‘+Cuñados’ e o show infantil Circo Tour será o día 17 na Praza do Cantón ás 20.00 horas.

Pola súa banda, a Mostra de Teatro Maruxa Villanueva, que organiza o centro teatral Faro Miño coa colaboración do Concello de Chantada, terá lugar entre o 19 e o 21 de agosto. As citas serán tamén na Praza do Cantón, neste caso ás 20.00 horas. Así, o luns, 19 de agosto, Dar Trela Teatro porá en escea a obra 'Sala de Festas o Halcón Voador'; mentres, o martes, 20 de agosto, Centro Teatral Faro Miño de Chantada representará a obra 'Intelixencia Artificial'. Xa o mércores, 21 de agosto, Ibuprofeno Teatro porá en escea a obra 'O Furancho'.

Despois das Festas Patronais queda unha última cita co Verán Cultural, o 31 de agosto actuará a Agrupación Artística Bohemios, na Praza do Cantón ás 20.00 horas.

“Co Verán Cultural tentamos ofrecer unha programación para todos os públicos, especialmente pensada para pasar en familia; propostas de lecer que inclúen música, humor, cine, teatro... para despedir as xornadas de verán nese espazo de reunión que é a Praza do Cantón”, sinala o alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela.

0.19600605964661