Chantada acolle unha ampla programación cultural para este verán
O Concello de Chantada, a través da Concellaría de Cultura, organiza unha ampla programación cultural para este verán, así durante xullo e agosto desenvolveranse máis dunha vintena de propostas baixo o título Verán Cultural 2024.
A Praza do Cantón será o centro das actividades que inclúen espectáculos de maxia, cine, teatro, música, circo, espectáculos infantís e outras propostas entre as que destacan as Festas Patronais na honra á Virxe do Carme, que se desenvolverán entre o 22 e o 27 de agosto.
As actividades culturais na Praza do Cantón comezarán ás 20.00 horas a partir do 4 de xullo, co espectáculo de marionetas Chef e Chof. O día 9 de xullo terá lugar o espectáculo de circo e música, Comediante. O 11 de xullo a cita será co teatro, 'Os marcos da vida'. A maxia chegará o 13 de xullo da man do Mago Antón que ofrecerá varias funcións. Un día despois, o 14 de xullo contarase co espectáculo de comedia, 'Odaiko Familiar'. E o 16 de xullo o Mago Paco achegará o seu espectáculo de maxia infantil.
A programación do mes de xullo completarase coa obra teatral 'A utópica rodante', que se representará o día 18 de xullo. O día 20 haberá un espectáculo de acrobacias con 'Harmonía no aire'. O día 23 a cita será cos malabares de Eu Clown e o 30 de xullo proposta para o público infantil con 'Ciencia Máxica'. Ademais, o 19 de xullo contarase no Auditorio Municipal, co concerto de 'Iberia Marimba Ensemble'.
A programación do Verán Cultural abrirase en agosto o día 1. Nesa xornada haberá obradoiro de xogos infantís na Piscina Muncipal desde as 18.00 horas. O resto de actividades desenvolveranse na Praza do Cantón comezando o 3 de agosto co show infantil de Circo Mentura. O 6 de agosto a cita será con 'A maxia do verán' e o 8 de agosto co teatro musical, 'Canta xoga'.
Tamén na Praza do Cantón, pero neste caso a partir das 21.00 horas, terá lugar 'Noites á luz da lúa' coa Banda de Música de Chantada. Do 12 ao 16 de agosto celebrarase a Semana de Cine e do 19 ao 21 a Semana de Teatro.
“Estas dúas propostas de cine e de teatro están consolidadas na programación cultural do verán en Chantada con máis de 30 edicións en cada unha das celebracións. Reúnen cada ano a familias e grupos de amigos de distintas idades que gozan así de varios días de cultura na rúa, como prólogo ás Festas Patronais”, destaca o Concelleiro de Cultura, Manuel Diéguez.