Chantada acolle un contacontos da man de Polo Correo do Vento e a carreira Cros Escolar
Esta tarde, ás 18.00 horas, a Biblioteca Municipal do Concello de Chantada dentro da programación do Mes dos Libros e das Letras Galegas organiza un encontro para os máis novos: “Tinta do Mar, pequena biografía de Luísa Villalta”, con Polo Correo do Vento.
Nesta actividade contan ilustran e musican a biografía da autora homenaxeada no Día das Letras Galegas.
Por outra banda, Chantada acolle este sábado o I Circuíto Comarcal de Carreiras de Cros Escolar, actividade que se veu desenvolvendo desde marzo en Carballedo, Friol, O Saviñao e Taboada, para rematar este sábado en Chantada.
A iniciativa parte do Concello de Chantada, pero cada Concello organizou o percorrido e a carreira do seu municipio. “É unha primeira toma de contacto que esperamos sexa un éxito e sirva para motivar a nenas e nenos a que practiquen deporte. É un irmandamento entre concellos co que queremos fomentar o hábito de practicar deporte e fomentar a relación social entre rapazas e rapaces de concellos veciños”, destaca Belén Vázquez, concelleira de Deportes.