Chantada acolle os días 1 e 2 de novembro unha nova edición do Castañazo Rock

RibeiraSacraXa
No marco do Festival, organízanse diferentes actividades como Os Cantos de Taberna, o Ourizo Miúdo ou a I Feira de Artesanía, que se celebrará na Praza do Cantón os días 2 e 3 de novembro
presentación-O-Castañazo-Chantada-2024
24 Out 2024

Chantada acolle os días 1 e 2 de novembro unha nova edición do Castañazo Rock, cita icónica que se celebra desde 1993 e que despois de varios parénteses, como o da pandemia da Covid, chega este ano á 19 edición.

No acto de presentación, no Auditorio Municipal de Chantada, participaron o concelleiro de Cultura de Chantada, Manuel Diéguez; a responsable da área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación, Iria Castro, e Paulo Gómez e Sara Taboada, da asociación promotora, a Asociación Cultural O Castañazo.

O concelleiro de Cultura de Chantada, Manuel Diéguez, destacou o traballo da Asociación Cultural O Castañazo por seguir apostando por este Festival, que é un referente na programación do outono no país: “O Castañazo Rock demostra que hai canteira para seguir celebrando o Festival. Desde o Concello de Chantada seguiremos colaborando económica e loxisticamente para seguir colleitando éxitos con esta cita que trae ao municipio a multitude de persoas e crea ambiente de festa na vila”.

Iria Castro felicitou á Asociación organizadora por ser un referente en Galicia e destacou a importancia de que a xente nova promova actividades culturais no interior de Galicia: “É importante que nazan iniciativas desde abaixo, nas que a xuventude amosa a vontade de querer quedarse aquí e ter opcións de lecer”. Ademais, valorou “o gran dinamismo da organización que involucra, de forma directa, a máis dunha vintena de mozas e mozos de Chantada, e que logrou consolidar o festival como un referente musical do outono” e encadrou o apoio “na colaboración continuada e estable que desde a área de Cultura mantemos co tecido asociativo na organización de festivais de pequeno e mediano formato para manter a oferta de música en directo en toda a provincia e propiciar escenarios para as bandas galegas".

O FESTIVAL

Os concertos desenvolveranse, como é habitual, nas instalacións do Mercado Gandeiro e a apertura de portas farase os días 1 e 2, ás 19.00 horas para as 20.00 horas dar comezo aos concertos.

Nesta edición, contarase o venres 1 de novembro coas actuacións de Los Chikos del Maíz, Boikot, Zetak, Mondra, Quinkillada e Cool Nenas e o sábado, 2 de novembro, os concertos correrán por conta de Lendakaris Muertos, The Baboon Show, Lontreira, Dios Ke Te Crew, Boyanka Kostova. Entre concertos haberá música de DJ Sonora Balkumbiera.

O Festival conta con zona de acampada gratuíta e roupeiro habilitados nos pavillóns dos colexios. Ademais dos concertos, organízanse actividades paralelas para dar ambiente a toda a vila. No Auditorio Municipal haberá exposición de traballos sobre O Castañazo, realizados polo alumnado dos diferentes centros de ensino.

Por outra banda, o 2 de novembro celebraranse os Cantos de Taberna, que comezarán ás 15.00 horas, partindo da Praza de Santa Ana, coa participación de 12 grupos que percorrerán 11 bares da vila. Colabora cos Cantos de Taberna, o Entroido Ribeirao, que levará os seus personaxes no percorrido polos bares para poñer en valor esta emblemática tradición do Entroido. Ao redor das 18.00 horas prevese o remate dos Cantos de Taberna, aos que seguirá o pasarrúas de Mekanika Rolling Band.

Como actividades complementarias, como é habitual, contarase co magosto, que se celebrará o 2 de novembro as 19.00 horas no Recinto do Festival. O Ourizo Miúdo terá lugar nesa xornada, ás 11.30 horas no Auditorio Municipal de Chantada, onde as crianzas de todas as idades poderán pasar unha mañá chea de música, teatro, castañas e diversión con Brais das Hortas.

Nesta edición recupéranse os Xogos Bravús, que se desenvolverán na Praza do Cantón o día 1 de novembro nas categorías de Individual (comezo ás 16.00 horas) e Equipos (comezo ás 17.00 horas). Establécense as seguintes probas: Rebola Bolo, Lanzamento de Ourizo, Carreira de Leiteiras, Debulla Millo e Movemento de Marco.

Finalmente, e como novidade nesta 19 edición, organízase a I Feira de Artesanía, que se celebrará na Praza do Cantón os días 2 e 3 de novembro. Os 11 postos participantes abrirán o 2 de novembro de 11.00 a 19.00 horas e o 3 de novembro de 11.00 a 14.00 horas. Nenas e nenos contarán no mesmo escenario con actividades infantís a cargo de Velaísca, o domingo en horario de mañá.

0.19106292724609