Chantada acolle este martes o II Foro de Innovación Empresarial
Chantada acollerá este martes, 14 de xaneiro, o II Foro de Innovación Empresarial enmarcado no programa Conecta Lugo, impulsado pola Consellería de Economía e Industria en colaboración coa Confederación Empresarios de Lugo (CEL).
O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, e o secretario xeral da CEL, Jaime López, presentaron o programa, que se desenvolverá no auditorio municipal a partir das 16.45 horas e que está rexistrar un alto poder de convocatoria.
A xornada fará fincapé en fomentar a cultura da innovación entre as empresas da Zona Sur da provincia de Lugo. Contará coa participación de Xavier Marcet, consultor en estratexia, innovación e emprendemento corporativo, presidente de Lead To Change LTCproject e autor de varias publicacións de referencia en materia de xestión e competitividade empresarial.
Tamén haberá unha mesa redonda sobre ‘Innovación para transformar o territorio’, na que participarán axentes de organismos públicos que desenvolven programas de apoio empresarial xunto con CEOs de diferentes empresas con traxectoria innovadora de interese.
Arias subliñou que a Xunta está a potenciar as accións ”para divulgar entre o empresariado lucense todas as subvencións e recursos xestionados polo Goberno galego aos que poden acceder”. Esta aposta “está a dar o seu froito, xa que os apoios chegan cada vez a máis negocios da provincia”. En concreto, no ámbito da innovación “as solicitudes de axudas de firmas lucenses multiplicáronse por catro nas últimas convocatorias, ata acadar arredor do 20% do total de Galicia”.