Chantada acolle a Festa da Xuventude este venres con moitas actividades

RibeiraSacraXa
O Concello de Chantada, a través da Concellaría de Xuventude, organiza o venres, 19 de abril, a I edición da Festa da Xuventude e desde as 20.
18 Abr 2024

O Concello de Chantada, a través da Concellaría de Xuventude, organiza o venres, 19 de abril, a I edición da Festa da Xuventude e desde as 20.00 horas contarase con música en directo e de balde en distintos espazos do centro da vila. Se a climatoloxía non acompaña, as actividades trasladaranse ao mercado gandeiro.

Así desde das 19.00 horas ás 23.00 horas actuarán as charangas Mekanika Rolling Band (comeza na Avda. de Monforte á altura do centro de saúde, continúa pola rúa Xoán XXIII para seguir por Antonio Lorenzana, Tras dos Fornos e Leonardo Rodríguez ata praza de Santa Ana) e Unión Phenosa (comeza na Rúa Uxío Novoneyra á altura do Café Bar Ribeiriña; baixando dirección praza Santa Ana ata a praza de Catro Camiños).

Ás 23.00 horas será a quenda da Disco Móbil na Praza de Santa Ana, para ás 00.00 horas contarase coa actuación da Orquestra Olympus na rúa Xoán XXIII. Retomarase a Disco Móbil ás 2.00 horas, ás 3.00 horas volverá a Orquestra Olympus, para rematar coa Disco Móbil de Euphoria desde as 4.00 horas.

“A idea é concentrar a actividade no centro da vila para darlle ambiente. Estamos apostando por propostas novidosas con actividades culturais, deportivas, educativas, festivas,… Tentamos ter varias actividades ao mes para mover á xente, darlle riqueza ao comercio e á hostalería. É unha forma de crear turismo na vila”, sinala Belén Vázquez, concelleira de Xuventude.

Como Festa da Xuventude, a proposta está pensada para mozas/os de entre 16 e 25 anos, pero búscase a participación de tódalas idades: “Queremos dinamizar o centro da vila para que non sexa unha festa exclusiva desa franxa de idade e queremos ofrecerlle á nosa xuventude alternativas de lecer nocturno porque moita mocidade non se sinte identificada coas saídas aos pubs. Espero que a todo o mundo lle guste e sexa exitosa para que xa quede marcada no calendario para próximos anos”, asegura Belén Vázquez.

A proposta ábrese á xuventude e xente da contorna e para facilitar a súa participación contarase con servizo de Noite Bus. O día 19 de abril sairá un autobús de Antas de Ulla ás 22.00 que pasará por Agolada, Lalín e Rodeiro. Tamén ás 22.00 sairá un autobús de Melide que pasará por Palas de Rei, Monterroso e Taboada. Ás 23.30 horas sairá un autobús de Monforte de Lemos (Zona Escolapios) e ás 23.45 horas terá a saída o autobús do Saviñao (Gasolineira de Escairón). Ao regreso farase ao remate da festa.

0.15935015678406