Chantada acolle a exposición 'Viaxe interior de Pedra e Auga' de Xaime Cortizo

RibeiraSacraXa
A mostra reúne unha vintena de fotografías que simbolizan a viaxe interior do autor na procura constante de beleza e harmonía
exposición-Cortizo-Chantada
4 Out 2024

O fotógrafo galego Xaime Cortizo, con longa traxectoria na fotografía e na comunicación visual, leva a Chantada a exposición 'Viaxe interior de Pedra e Auga', que se poderá ver na Casa da Cultura de Chantada durante todo o mes de outubro.

A mostra reúne unha vintena de fotografías que simbolizan a viaxe interior do autor na procura constante de beleza e harmonía, desde os seus inicios na fotografía con imaxes analóxicas únicas, ata paisaxes da Ribeira Sacra do Miño, onde actualmente é viticultor, tamén con imaxes simbólicas de lugares singulares e por último, imaxes da guía Gárgolas de Compostela.

Cortizo explora así a relación entre o ser humano e a súa contorna, cun enfoque especial no patrimonio natural e cultural de Galicia, resaltando o aspecto humano.

A inauguración farase esta tarde de venres, 4 de outubro, ás 18.00 horas con entrada libre e gratuíta. Para o acto contarase cunha degustación de produtos gastronómicos de empresas locais que colaboran: queixos Airas Moniz, embutidos Landra, galletas mariñeiras Daveiga, Castañas Naiciña e galletas Sacrapastas.

Para o brinde inaugural contarase con viños de Roberto Regal. Con todo preténdese facer unha homenaxe á Ribeira Sacra do Miño e poñer en valor todo o seu potencial.

Como parte do acto inaugural, o autor aproveitará para presentar a publicación Gárgolas de Compostela, obra de Benxamín Vázquez con fotografías de Xaime Cortizo, que se poderá adquirir durante o evento.

A mostra fotográfica 'Viaxe interior de Pedra e Auga', cuxas pezas están á venda para as persoas interesadas, poderá visitarse na Casa da Cultura de Chantada de luns a venres en horario de 10.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas e os sábados de 10.00 a 14.00 horas.

0.11906695365906