Chantada abre o prazo para elixir o cartel anunciador do Folión de Carros

RibeiraSacraXa
O prazo para a presentación dos traballos remata o 28 de maio. A previsión é celebrar o Folión o 21 de agosto, coincidindo coas festas patronais da localidade.
chantada folion carros
10 Abr 2021

A Asociación Cultural Amigos do Folión, de Chantada, vén de convocar o concurso do que sairá o cartel anunciador da edición deste ano do Folión, que se prevé celebrar o día 21 de agosto, coincidindo co sábado das festas patronais do municipio, se a situación sanitaria o permite.

No certame poderán participar todas aquelas persoas que así o desexen, nunha única categoría. O cartel realizarase en formato horizontal ou vertical, coas medidas DIN A3, e poderase entregar en formato papel ou dixital.

O traballo debe incluir obrigatoriamente a frase 'Folión de Carros 2021' e a data de celebración, o 21 de agosto.

A técnica e o estilo serán libres, se ben o contido do cartel debe transmitir os "valores fundamentais do Folión", segundo explican desde a asociación organizadora: carro tradicional, xugada de vacas e bois, e carroceiros e representacións de antigo sobre a comarca de Chantada.

Os traballos serán entregados no correo electrónico amigosdofolion@gmail.com ou no Apartado de Correos nº 12 de Chantada, con data límite o 28 de maio.

No caso das obras que se entreguen vía postal, o sobre deberá conter o cartel presentado ao concurso e outro sobre máis pequeno no que se indique o nome, apelidos, número de teléfono e correo electrónico do autor ou autora. Para as obras enviadas por correo electrónico, deberán ir en formato .jpg ou .pdf e no corpo do correo indicarase os datos identificativos e de contacto do autor. No asunto debe figurar Concurso de carteis 2021.

A persoa gañadora recibirá un vale por valor de 200 euros para ser gastados en calquera negocio asociado á Asociación de Empresarios de Chantada ou á Asociación cultural Amigos do Folión, e o seu cartel será o anunciador do festexo.

Para a elección do traballo gañador, o xurado valorará especialmente o coñecemento do Folión de Carros, a creatividade e orixinalidade da proposta, o impacto visual do cartel, e a relación coa filosofía e valores fundamentais desta celebración tradicional.

chantada folion carros cartel 2020
0.17431902885437