Chantada abre este xoves o tradicional Poboado de Nadal

Chantada inaugura o Nadal este xoves ás 20.15 horas coa apertura do tradicional Poboado de Nadal que nesta ocasión instalarase na Praza do Mercado e na Praza da Paz, xa que a Praza do Cantón está afectada polas obras do Museo de Manuel Jorge. Ademais, ao tempo, terá lugar o acendido do alumeado.
O Concello de Chantada amplía este ano a decoración e a iluminación e engañe novos detalles decorativos nas rúas e prazas. "Este ano queremos que teñan presenza en Chantada as 36 parroquias da vila e na zona de Leonardo Rodríguez reflectímolas de modo simbólico na decoración das árbores. Seguimos apostando polo Poboado e aumentando as súas pezas para crear ese espazo de encontro que é un referente en Chantada durante o Nadal”, explicou o alcalde, Manuel Lorenzo Varela.
En canto á programación para estas Festas, despois da inauguración da decoración, a primeira cita será o 20 de decembro ás 17.00 horas na Biblioteca Municipal co contacontos interactivo, “Nadal en Prácticas”.
O Auditorio Municipal será o escenario de catro propostas especialmente pensadas para o público infantil e para compartir en familia. O día 23 de decembro ás 19.00 horas. acollerá o espectáculo infantil “Elfos en prácticas”. O 27 de decembro ás 19:00 horas proxectarase a película infantil, “Migración, unha viaxe patas arriba”. Segue o cine o 30 de decembro coa proxección de “El chico y la garza” e o 2 de xaneiro ás 19:00 horas contarase co espectáculo infantil “Picadiscos”.