Chandrexa de Queixa e Manzaneda acollerán programas de voluntariado para recuperar os montes afectados polos incendios

O programa de voluntariado ambiental posto en marcha pola Xunta de Galicia chega aos territorios de Manzaneda e Chandrexa de Queixa en outubro. A iniciativa está dirixida á recuperación dos montes afectados polos incendios deste verán en Galicia, que foron especialmente devastadores na provincia de Ourense.
Con 19.000 hectáreas calcinadas, o incendio de Chandrexa foi un dos maiores da historia da comunidade e afectou gravemente ao Macizo Central ourensán, incluíndo gran parte do territorio de Manzaneda, onde as chamas calcinaron o contorno da Estación de Montaña.
O programa desenvolverase en tres quendas que abranguerán do 10 ao 12 de outubro, do 17 ao 19 de outubro e do 24 ao 26 de outubro, e busca a colaboración de persoas voluntarias para levar a cabo actuacións destinadas a protexer os terreos devastados. Entre elas inclúense técnicas como o mulching, que consiste en aplicar manualmente materiais como a palla de cereais para protexer o solo nas zonas accesibles a pé, así como a distribución manual de alimentos e auga para a fauna local.
Con esta iniciativa preténdese contribuír á recuperación dos ecosistemas danados polos incendios e fomentar a participación cidadá na protección do medio ambiente.