Chairegos sen fronteiras
Por Pablo Veiga
E solidarios, comprometidos, implicados, etc., etc. Serían moitos máis os adxectivos, todos eles positivos, dos que poderíamos botar man para referírmonos a dúas persoas como Lara Lozano e Alberto Ferreiro, ámbolos dous con berce na Terra Chá, ela en Cospeito e el en Outeiro de Rei. Con outras catro persoas máis, integran unha pequeniña organización non gubernamental chamada Amor sin Barreras, xurdida hai un tempo a raíz da participación en accións de voluntariado no país africano de Quenia.
Cando un le este tipo de reportaxes no xornal, veñen á mente de forma inevitable as experiencias vividas por un servidor en tempos pretéritos dentro da cooperación internacional. Aínda de moi curta duración, a oportunidade de participar en iniciativas desenvolvidas en comunidades ubicadas en Cuba, Brasil ou Mozambique, significou un enriquecemeno tanto a nivel persoal como profesional. Aqueles apenas vinte días nos que se convivía practicamente de igual a igual, en condicións similares, cos habitantes do lugar, resultaron ser unhas vacacións atípicas, totalmente opostas á semana de relax nun hotel con tódolos servizos á disposición. O impacto emocional tiña que resultar evidente, xa que se compartía espazo cos nenos, xoves e persoas adultas que eran os destinatarios das accións que se levaban a cabo. Existiu a posibilidade de coñecer de preto as carencias e a precariedade das xentes autóctonas, escoitándoas e tratando de comprender a súa propia idiosincrasia. Todas eran quen de transmitir o desacougo que lles producía ter que convivir en ambientes xeralmente moi complicados, mais tamén tiñan a capacidade de mostrar o orgullo de pertenza ó propio entorno, de amosar os seus bailes, a súa música e a súa alegría. E por suposto, non escondían as ansias por albiscar un mellor futuro para os seus.
Nosoutros, habitantes do hemisferio norte, nesta Europa chea de prosperidade, pero que tamén esconde as súas miserias e incoherencias, obtemos información sobre o que acontece noutras zonas do planeta polos medios de comunicación, mais a perspectiva cambia radicalmente no momento en que se comproban esas situacións in situ. É bo que non sexamos alleos ó que pasa alén do noso fogar, sen ningunha resposta ás múltiples inxustizas que se producen. Non podemos sentirnos culpables dos sufrimentos a milleiros de quilómetros da nosa casa, martirizándonos constantemente, pero tamén nos deberiamos rebelar contra as causas que crean esas circunstancias. E temos a capacidade de facelo.
Lara e Alberto xa se atoparán en Quenia tras unha longa viaxe, no destino escollido, Turkana; alí construirán un centro de educación infantil, que non será soamente unha gardería, como ben explican, senón que levará consigo un plan educativo no que se inclúen diversos proxectos. A idea final é mellorar globalmente a comunidade na que se intervén.
Estes dous chairegos, ós que se une Carla, a filla de doce anos dun deles, son un exemplo de humanidade e empatía. Coma eles hai centos de paisanos nosos, con variada motivación, distintas ideoloxías e procedencias, en análogas misións. Non salvan o mundo, mais aportan para que, alomenos, non sexa tan malo.
¡Un gran non enche a graneira, pero …