Centros de ensino da provincia darán a coñecer o exemplo de mulleres líderes

A Xunta dará a coñecer o exemplo de mulleres líderes nos seus ámbitos en 20 centros educativos a través da quinta edición do programa EduReferentes, impulsado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP e Executivas de Galicia. Precisamente, a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, reuniuse esta mañá coa nova presidenta desta asociación, Carmen Costas, coa que abordou o desenvolvemento do programa para este curso.
Ao abeiro desta iniciativa, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP leva experiencia de mulleres líderes nos seus sectores aos centros seleccionados na convocatoria, cuxa resolución xa está publicada. Os centros e institutos participantes na provincia son os IES de Foz, Enrique Muruais (A Pontenova) e Isla de Sarón (Xove) na Mariña. Na zona centro figuran CPI Plurilingüe de Castroverde e o IES Fonmiñá da Pastoriza. Completan o listado o IES Francisco Daviña Rey de Monforte, o IES Gregorio Fernández de Sarria e o CPI Plurilingüe López Suárez do Saviñao.
Nas catro anteriores edicións do programa participaron na iniciativa máis de 4.500 alumnos. En concreto, alumnado asiste a charlas de 50 minutos a cargo de dúas profesionais referentes galegas en dous ámbitos profesionais diferentes para visibilizar a figura da muller en postos tradicionalmente masculinizados. Nestas sesións trabállanse cos estudantes os mitos sobre os diversos perfís desde unha perspectiva de xénero.
Tamén se desenvolven obradoiros educativos sobre softskills (as competencias relacionadas coa forma que ten unha persoa de relacionarse coa súa contorna social) e creatividade guiados por mulleres expertas e tamén centrados na educación emocional con perspectiva de xénero.
A maiores, o programa inclúe mentorías individualizadas para unha selección de cinco estudantes por centro, nas que estas mulleres comparten a súa experiencia e coñecementos, apoiando ao alumnado na busca das súas fortalezas, habilidades e intereses ao longo de diversas sesións individualizadas.