Centro de Día e Concello promoven unha actividade sobre autocoidado da saúde na Pobra do Brollón
O Concello da Pobra do Brollón e o Centro de día organizan para mañá, mércores 15 na Casa da Cultura unha actividade sobre autocoidado para unha vida máis saudable.
Será impartida por profesionais do Centro de Atención a Persoas Maiores (CAPM) e está dirixida especialmente a persoas maiores, aínda que está aberta a todos os públicos.
Durante a sesión ofreceranse pautas que as persoas asistentes poidan poñer en práctica por se mesmas para mellorar o seu benestar.
‘Tras as limitacións que nos tocou vivir a raíz da pandemia, cremos máis importante que nunca incorporar hábitos saudables na nosa rutina diaria,’ comenta Pilar Míguez, a directora do CAPM. ‘Con isto en mente ofrecemos esta actividade, que tamén serve para achegar o noso Centro á veciñanza,’ apunta.
A sesión cubrirá recomendacións relacionadas coa actividade física, a estimulación do cerebro e o coidado das emocións. Ademais se repartirá entre os asistentes unha guía das pautas para facilitar a súa aplicación.
Colaborando con esta actividade, o Concello da Pobra do Brollón busca incidir na calidade de vida dos veciños e veciñas, así como apoiar o traballo do CAPM.
“O Centro de Día da Pobra é un recurso vital para promover a autonomía, o envecellemento activo e a vida comunitaria das persoas maiores ou con dependencia no noso municipio,” comenta o alcalde Xosé Lois Maceda.
“Esperamos que iniciativas como esta charla sirvan para promover a labor do Centro e animar a máis veciños e veciñas a usar o servizo,” conclúe. A actividade iníciase coa idea de que teña continuidade no futuro, a través de máis sesións en diferentes parroquias do municipio.