Centos de persoas participaron este sábado en Chantada nunha nova edición do Folión de Carros

RibeiraSacraXa
As festas continúan este luns e martes con música, xogos tradicionais e a tradicional Festa da Empanada
folion-de-carros
25 Aug 2025

Chantada celebrou este sábado o tradicional Folión de Carros, declarado Festa de Interese Turístico Galego e Ben de Interese Cultural. No desfile deste ano participaron 14 carros que percorreron as rúas da vila desde a Avenida de Ourense ata a Praza de Galicia, onde tivo lugar o pregón das festas.

Durante a tarde, veciños e visitantes puideron contemplar os carros en exposición e gozar da IX Foliada Carroceira, coa participación de diferentes agrupacións musicais da comarca.

O encargado de abrir oficialmente as festas foi Roberto Fernández Álvarez, doutor en Medicina pola USC e fillo de Xilberto de San Pedro, figura moi vencellada á tradición do Folión. Na súa intervención, Fernández lembrou os recentes incendios deste verán e ofreceu ao público un pregón cargado de lembranzas persoais. O pregoeiro concluíu cun poema sobre o carro escrito polo seu pai en 1967, nun discurso que combinou recordos, soños e homenaxes á tradición familiar. Antes de coñecerse o fallo do xurado, o alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, entregoulle un agasallo en nome do Concello.

O xurado outorgou o primeiro premio a Herboristería Milenrama, seguido de Cine Yeca e Os cachóns do Asma. A clasificación completouse con Se as pedras falasen..., Rúa do Comercio, O ferreiro de Argozón, A feira das cabras de Merlán, Chegou o carpinteiro á casa da Cruz, Non hai tella que non teña o seu burato, A casa dos Ferraias na estrea da Muiñeira, Control de San Fiz, Pista de baile A Penela, Vendima na ribeira de Belesar e San Xoán, lume e maxia.

Na categoría de carros tradicionais, o primeiro premio foi para Non hai tella que non teña o seu burato e o segundo para Pista de baile A Penela. Tamén se concederon distincións especiais: mellor memoria explicativa para Cine Yeca, mellor xugada para Rúa do Comercio, mellor trato animal para Vendima na ribeira de Belesar, mellor vaca ou boi individual para Control de San Fiz, mellor manexador para Os cachóns do Asma e mellor xugada 2025 tamén para Control de San Fiz.

O Folión concluíu pasadas as dúas da madrugada e deu paso á verbena coa orquestra Tango. Entre as autoridades presentes estiveron representantes da Asociación Amigos do Folión, membros da corporación municipal e da Xunta de Galicia, entre eles o director xeral de Turismo, Xosé Merelles.

O programa continúa este luns, 25 de agosto, con pasarrúas de Os Barrios e cabezudos, unha festa infantil con inchables e xogos tradicionais, ademais das actuacións do grupo Top Líder e da orquestra Gran Parada. A xornada pechará con fogos artificiais na Praza do Pavillón Municipal.

O martes, 26 de agosto, terá lugar a tradicional Festa da Empanada no Campo de San Lucas, amenizada por Os Barrios e varias charangas. Pola noite o programa musical pecharase coa orquestra París de Noia en Juan XXIII e a orquestra Capitol na Praza de Santa Ana.

⚙ Configurar cookies
0.1814820766449