CCOO anuncia mobilizacións na residencia DomusVi de Monforte de Lemos pola situación "inadmisible"

RibeiraSacraXa
As Residencias Land Art acollen catro artistas no Museo Pazo de Tor de Monforte ata xuño e están promovidas pola Rede Museística
residencia monforte domus VI rua morin
12 sep 2023

Comisións Obreiras vén de denunciar a situación "inadmisible" da residencia DomusVi de Monforte de Lemos, situada na rúa Morín. Malia que os problemas veñen de atrás, intensificáronse coa nova dirección, sinala o sindicato. Nos últimos días producíronse despedimentos de traballadoras nun centro en que CCOO xa viña alertando de falta de persoal e dunha "desorbitada" carga de traballo.

Outro dos problemas que advirte o sindicato é o cambio de funcións das traballadoras, que supón "un risco" tanto para as persoas usuarias como para as profesionais. É o caso, por exemplo, dos residentes con gran dependencia, que precisan ser atendidos por dúas xerocultoras para erguelos e asealos, labor que agora deberá realizar unha soa.

O mesmo acontece coa administración da medicación, que non entra nas funcións deste colectivo a non ser que estea supervisado polo persoal de enfermaría, "e non é o caso". Atenderen as funcións propias e as engadidas provoca que moitas veces non se cumpran as pautas de administración ou pase o tempo necesario entre cada toma de medicación.

Recortes

Desde CCOO tamén queren poñer en coñecemento da poboación en xeral e das familias a carestía que se está a ver no centro da rúa Morín e a deterioración da calidade asistencial. "Falta de roupa de cama, colchóns en mal estado, así como recortes en hidratación ou alimentación", apunta o sindicato.

Mobilizacións

Aos problemas organizativos súmanse as vulneracións de dereitos laborais. "A día de hoxe non temos calendario laboral, carteleiras anuais ou o cómputo das horas extras", sinala CCOO, ao tempo que lembra que "sempre se informou a dirección por escrito" sobre os dereitos do persoal.

Por todo isto, desde o sindicato sinalan que «non quedaremos de brazos cruzados". Por este motivo, "ademais das medidas legais que xa tomamos», anuncian próximas mobilizacións ás que desexan que se unan a poboación e as familias. "Precisamos apoio para concienciar sobre a situación que se vive neste sector, tan vulnerable e con condicións tan precarias, que o día de mañá precisaremos todas e todos", conclúe CCOO.

0.21489596366882