Caurel Vivo denuncia que un ano despois de arder o Courel, aínda non chegaron as axudas prometidas

RibeiraSacraXa
Caurel Vivo denuncia que un ano despois de arder o Courel, aínda non chegaron as axudas prometidas por parte de ningunha administración
Folgoso do Courel un ano despois de arder
11 Abr 2023

Caurel Vivo denuncia que, despois dun ano de que ardera o Courel, "a realidade é que poucas foron as axudas que chegaron, só algunha migalla para afectados directos en vivendas".

Explican que despois de que arderan os bosques do Courel durante o verán de 2022, "anunciáronse axudas millonarias para o Courel, tanto desde o Goberno Central como desde a Xunta de Galicia". Incluso argumentan que lles visitaron conselleiros, delegados, e presidentes "usando o Courel para promocionarse e dando unha falsa imaxe de apoio neses momentos tan difíciles".

Porén, sosteñen que "os afectados no turismo, apicultura, gandería, autónomos e donos das terras o único que recibiron foron doacións de particulares", a pesar de que ardeu o 60% do Concello de Folgoso do Courel.

Reforestación dos bosques

Por outra banda, din que este ano anunciouse a reforestación de zonas por parte da Xunta, que é a que ten as competencias en Montes, pero "de momento, o único que se prantou foi de forma altruísta por parte da veciñanza e voluntarios, con doacións de castiñeiros e froiteiras".

Ademais, denuncian que "estamos case un ano máis tarde do desastre e podemos ver como a meirande parte da palla que a Xunta usou para sacar a foto, podrece nas cunetas, como a dos arredores da Aldea de Froxán".

Por isto, Caurel Vivo pregúntase "onde están os cartos públicos e para que se usan desde as administracións".

0.098445892333984