Case 52.000 euros en axudas para o tecido empresarial e social de Monforte
A Xunta de Goberno do Concello de Monforte vén de aprobar o establecemento de convenios de colaboración con diversas entidades monfortinas para establecer as condicións e compromisos aplicables ás subvencións de carácter nominativo concedidas a ditas entidades, e recollidas nos orzamentos municipais deste ano 2023.
En concreto, os convenios de colaboración asinaranse co Centro Comercial Urbano cun valor de 12.000 euros, coa Asociación de Empresarios de Hostalería de Lugo cun valor de 2.500 euros, co Museo Casa de Muñecas por 2.000 euros, con Clarisas Centro Purísima Concepción por 3.000 euros, coa Asociación Naufragos do Paradiso por 4.000 euros, coa Asociación Festival Carude Rock por 4.000 euros, co Centro Cultural e Recreativo RENFE por 1.500 euros e coa Fundación Colegio Nuestra Señora de La Antigua por 3.643,92 euros.
Na mesma Xunta de Goberno, tamén se aprobaron dúas subvencións de carácter excepcional: a destinada a obras de adecuación do edificio da sociedade Círculo Victoria, cun importe de 5.000 euros, e a destinada a obras de mellora na cancha de baloncesto da Casa de Escolas Pías de Monforte, con 13.310 euros.
“Son axudas que destinamos dende o Concello para entidades, relacionadas con eidos fundamentais no tecido empresarial e social de Monforte, como o do comercio, a hostalería, a música, a educación ou a cultura”, destaca o alcalde, “e supoñen un volume de axudas que alcanzan os 50.953,92 euros”.