Case 40.000 euros para mellorar os centros sanitarios de Bóveda e a rehabilitación do lavadoiro de Vilar
O Instituto de Estudos do Territorio, dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, concedeu unha achega de 20.000 euros ao Concello de Bóveda para a renovación do acabamento exterior das fachadas (parámetros, carpinterías, cerrallerías) dos centros asistenciais de Bóveda e Rubián ante o seu estado de deterioro.
Os traballos consistiron en eliminar todos os elementos construtivos alleos á tipoloxía tradicional, como fibrocemento e formigón; na limpeza e acondicionamento da contorna, na reconstrución dos muros perimetrais en pedra e na execución dunha nova cuberta con madeira e lousa.
Da mesma maneira, tamén lle concedeu 18.367 euros para a rehabilitación da fonte e lavadoiro de Vilar, en Guntín, un inmoble que se atopaba moi deteriorado, no marco tamén das axudas para actuacións de corrección de impactos paisaxísticos destinados a concellos de Galicia.
Ademais, para a corrección do impacto paisaxístico, acometeuse a limpeza dos soportes, reparáronse os descascados e gretas e fíxose o acabado con pintura de conformidade coa Guía de cor e materiais de Galicia.
En total, o Goberno local de Bóveda recibiu unha achega de 38.367 euros, que o alcalde, José Manuel Arias, valora positivamente, xa que "permite acondicionar e recuperar espazos públicos que non se atopaban en bo estado”.