Carmela López destaca o “carácter excepcional” da Ribeira Sacra e apela á colaboración para lograr o recoñecemento como Patrimonio Mundial

RibeiraSacraXa
A presidenta da Deputación de Lugo fixo un chamamento ás institucións para sacar adiante unha candidatura que cualifica de “oportunidade histórica para que o mundo recoñeza oficialmente o valor universal deste territorio”
deputacion-ribeira-sacra-fitur
22 Jan 2026

A presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, iniciou hoxe en Madrid a súa axenda na Feira Internacional de Turismo (FITUR) coa presentación da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial, que tivo lugar no stand de Turismo de Galicia.

Durante a súa intervención, López fixo un chamamento á colaboración entre administracións para acadar o recoñecemento da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial da UNESCO, sinalando que “só pode avanzar desde a colaboración leal entre todas as administracións”. A líder provincial destacou o valor único da comarca, describíndoa como “un territorio cunha identidade forte, unha beleza que emociona e un patrimonio vivo que se mantén grazas ao coidado diario da súa xente”.

Así mesmo, resaltou a importancia dos ríos Miño e Sil, que “non só modelan a paisaxe da Ribeira Sacra, senón que explican tamén unha maneira de vivir, de traballar a terra e de relacionarse co entorno”. Dita relación histórica, explicou López, “nacen os viñedos de viticultura heroica, os mosteiros centenarios, os pobos con alma e un patrimonio cultural e natural de valor excepcional”.

A presidenta lembrou que a candidatura xa está en mans da UNESCO e que a decisión definitiva coñecerase nos próximos meses, cualificando esta situación como “unha oportunidade histórica para que o mundo recoñeza oficialmente o valor universal deste territorio”.

Durante a presentación tamén valorou o compromiso da Deputación de Lugo coa Ribeira Sacra, poñendo como exemplo iniciativas como os catamaráns fluviais, que ofrecen “unha forma sostible e respectuosa de descubrir os canóns e achegarse á viticultura heroica desde o río”. López concluíu que “a grandeza da Ribeira Sacra está na súa paisaxe, no seu patrimonio e na súa cultura, pero sobre todo na súa xente, que a coida e a mantén viva cada día”.

O acto contou coa presenza do Delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco Lobeiras, e do Presidente do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, Luis Fernández Guitián, entre outras autoridades.

⚙ Configurar cookies
0.062134981155396