Carlos López e María Cedrón, campións galegos de atletismo
Grandes éxitos da Agrupación Deportiva A Gándara, de Monforte, no campionato galego de atletismo que se disputou este domingo en Pontevedra. Os seus deportistas Carlos López e María Cedrón proclamáronse campións galegos nas categorías sub-20 e sub-23, respectivamente.
Carlos López, que este ano se estrea na categoría sub-20, fíxose coa medalla de ouro ao rematar a proba dos 3.000 metros nun tempo de 9:48 minutos.
María Cedrón, pola súa banda, fíxose co campionato galego na categoría sub-23 despois de investir un tempo de 10:28 minutos en percorrer a distancia dos 3.000 metros.
Pero non foron as únicas medallas que os deportistas da Gándara trouxeron para Monforte. Outra atleta do club, Carmen Téllez, fíxose coa medalla de bronce nos 3.000 metros na categoría sub-20.