Carballedo acolleu unha xornada sobre o papel das mulleres no medio rural organizada pola Asociación Labregas e CERES

RibeiraSacraXa
O encontro abordou cuestións como a titularidade compartida, o relevo xeracional ou unha PAC con perspectiva feminista
xornada-asociacion-labregas-ceres-carballedo
Xornada da Asociación Labregas e CERES en Carballedo
21 Jun 2025

A Oficina de Turismo de Castro, no concello de Carballedo, acolleu este venres a xornada “Mulleres rurais: coñecemento, emprendemento e futuro”, promovida pola Asociación Labregas e a Confederación de Mujeres del Mundo Rural (CERES), dentro do ciclo “As mulleres do medio rural en acción”, que se desenvolve dende o pasado mes de maio.

O encontro reuniu a diversas especialistas e mulleres ligadas ao sector agrario para reflexionar sobre o papel das mulleres no desenvolvemento do rural galego. A xornada abriu coa intervención de Guillermina Fernández Villar, do Grupo de Investigación LaboraTe da USC, quen expuxo experiencias de emprendemento lideradas por mulleres no medio rural.

Seguidamente, Ana Randolfe, técnica do proxecto Comunidades de Emprego e Emprendemento Rural Sostible da Fundación Acción contra a Fame, abordou a situación das mulleres no relevo xeracional e as dificultades para as novas incorporacións ao agro.

Nun espazo de análise e debate centrado no sur de Lugo, María Ferreiro, gandeira e responsábel da Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego (SLG), falou sobre o papel das mulleres no rural e a situación actual da titularidade compartida en Galicia.

Pechou a sesión Ana Rodríguez, economista especializada na Política Agraria Común (PAC) e tamén gandeira, quen expuxo as claves para unha análise feminista da PAC no contexto europeo.
Tras o xantar, as participantes visitaron unha tenda ambulante que fornece de produtos á poboación de Carballedo, como exemplo de servizo esencial no territorio.

A iniciativa continuará con dúas novas xornadas: o luns 24 de xuño en Cospeito e o xoves 27 en Vilalba.

⚙ Configurar cookies
0.16413378715515