Carballedo acollerá a vindeira semana un curso básico de formación dixital

O Concello de Carballedo acollerá do 2 ao 4 de febreiro un curso básico de formación dixital, dirixido especialmente á poboación do rural. A actividade será gratuíta e ten como obxectivo facilitar o acceso ás novas tecnoloxías e mellorar as competencias dixitais das persoas participantes.
Durante o curso, as persoas asistentes aprenderán a manexar o teléfono móbil con maior seguridade, coñecerán aplicacións útiles para o día a día, adquirirán nocións para identificar noticias falsas e darán os primeiros pasos no uso das redes sociais e na creación de contido audiovisual.
Esta iniciativa busca promover a autonomía dixital e contribuír a reducir a fenda tecnolóxica, ofrecendo ferramentas prácticas para un uso máis consciente e seguro da tecnoloxía no ámbito rural.